Enlaces

domingo, 30 de octubre de 2011

Chicaque



Fixen a miña primeira excursión a fóra de Bogotá cun grupo de amigos hai un par de semanas. Visitamos o parque natural de Chicaque, uns poucos quilómetros ó sur da cidade.

Chicaque é, un bosque de néboa, como indica o cartel da entrada, e a definición é axeitadísima...


O parque conta con varios miradores dende os que as vistas deben ser fabulosas pero... a néboa é mesta demáis como para poder ver nada. Segundo nos dixo a rapaza que nos atendeu á chegada o parque: "a veces se despeja durante 15 minutos, pero luego vuelve a nublarse". Nós non tivemos a sorte de ter nin sequera eses 15 minutos...

Na foto estamos a uns 2.600 metros de altura, e baixamos polo monte ata os 2.100 metros. O peor de todo foi que despois de baixar hay que subir de novo... Os máis vagos subiron a cabalo, pero os valentes pateamos, como debe ser. Especialmente os tres galegos (Sara, Adri e máis eu), que fomos os que máis andivemos por dentro do parque.

O que máis me gustou do parque foron os fentos. Vedes eso que parece unha palmeira? Pois de palmeira nada, un señor fento, coma os da foto de abaixo.


O verde intenso do parque lembroume moito a Galicia, pero en canto afinas un pouco a vista distingues unha chea de especies diferentes ás dos nosos bosques. Por certo, por aquí tamén hai arcolitos, aínda que non dentro do parque natural, claro.


Dentro do parque hai un refuxio no que se pode quedar a pasar a noite. Nós non nos quedamos, pero o certo é que non tiña mala pinta.


Por suposto, as pitas tamén me fixeron lembrar Galicia, aínda que non sei eu se serán moi autóctonas do parque natural...

E para rematar, deixo unhas cantas fotos máis paseando polo parque.








jueves, 27 de octubre de 2011

Bricomanía



Unha das peores cousas de alugar un apartamento en Colombia (aparte de todos os avais, fiadores, adiantos e depósitos que piden), é que a costume local é alugar sen mobles...

Polo tanto, o primeiro que tes que facer en canto tes as chaves do piso na man é ir correndo ata unha tenda de mobles en plan Ikea. Aínda que aquí os suecos non chegaron, hai marcas locais que venden o mesmo tipo de mobles para que montes ti na casa.

Así que antes de pasar a miña primeira noite no piso, tocoume coller martelo e desparafusador para facer un pouco de Bricomanía e montar a miña propia cama e mesiñas de noite a partir dunha chea de tablóns e parafusos e un libriño de instruccións...

Déixovos unhas fotos do proceso de montaxe. E, por se vos quedan dúbidas, mes e medio despois aínda segue aguantando co meu corpo!!!


 






miércoles, 26 de octubre de 2011

A Carreira Sétima, un mundo aparte

Circulando en "contravía"



Poñédevos en situación e imaxinade unhas das principais arterias da cidade, con tres carrís en cada sentido e mediana. Podería ser equivalente o Paseo da Castellana de Madrid...

Sabedes por onde se cruza? Polos pasos de peóns? Pois non, por onde che sae do nabo (ou por onde boamente poidas...)!
Sabedes qué sucede tódolo días laborables de 17:00 a 20:00? Que hai un atasco infernal? Pois sí, pero non. Que tódolos carrís pasan a circular para o mesmo sentido (dirección norte). Se non o credes mirade a foto de arriba e a de abaixo...

Conducindo en sentido contrario

Non deixa de ser curioso ver circular ós coches en sentido contrario do que marcan as frechas do chan...

Pero esto non acabou. Sabedes que sucede tódolos domingos e festivos na Carreira Sétima? Que non circula nin dios porque é domingo e a xente non traballa? Pois a medias. Péchanse 3 carrís para facer unha ciclovía pola que se pode camiñar, andar en bici, patinar, etc.

Ciclovía tódolos domingos e festivos

Pero o da ciclovía non é exclusivo desta rúa. Os domingo e festivos péchanse 120 kms de rúas para desfrute da xente. A iniciativa é xenial, e a xente responde.

A Carreira Sétima é un mundo en sí mesma. Por certo, a que non adiviñades en qué rúa está a miña oficina?

domingo, 23 de octubre de 2011

O meu primeiro millón


Unhas das cousas que primeiro hai que deixar atrás ó cambiar de país é a moeda... Actualmente o tipo de Cambio anda aproximadamente a 1 Euro = 2.500 Pesos Colombianos, polo que aquí todo vale moitos miles de pesos...

Este é o meu primeiro millón de Pesos en billetes de 50.000. Parece que é moito, pero cada billete son arredor de 20 euros... Son igual de pobra ca antes, pero agora a miña conta corrente está chea de ceros.

Para que non se diga, quí vai outra foto do meu primeiro millón, pero esta vez acompañado doutros 4...


miércoles, 19 de octubre de 2011

Bogotá


Como cheguei de noite, non puiden ver o que tiña diante ata a mañá seguinte. Unha cidade enorme (xa colgarei fotos nas que se vexa aínda máis ao lonxe), con 7 millóns de habitantes oficiais e máis de 10 millóns sumando ós habitantes extraoficiais, poluída e, xeralmente, cuberta de nubes (de ahí ven o título do blog...)

Porén, o enclave sí que paga a pena, xa que está nun dos brazos da cordilleira dos Andes, a 2600 metros de altura e rodeada por tódolos frentes por montañas ou cerros que superan os 3000. Por eso en canto viras a vista cara ós cerros máis próximos, no meu caso os Cerros Orientais, podes atopar unhas vistas dignas de apreciar:

Os cerros están cubertos dunha vexetación tupida, son realmente escarpados e moitas veces están semicubertos por unha capiña de névoa que lles da moitísimo encanto.

Esta foi a primeira vista que se me quedou gravada da miña nova cidade, e cando estou agobiado non teño máis que virar a vista cara os cerros, que son omnipresentes na paisaxe da cidade, e esquézome de todo o caos que ás veces encerra Bogotá nas súas rúas e que me gardo para comentar no seguinte post...

lunes, 10 de octubre de 2011

Terra á vista!


Esta é a entrada en América, sobre chan venezolano. A primeira impresión deixa claro que esta é unha terra verde e montañosa, non en balde, Bogotá está a nada máis e nada menos que 2.600 metros de altura, nun dos brazos da cordilleira dos Andes.


O peor da viaxe foi a duración, sen dúbida; saín o día 3 de setembro do aeroporto de Vigo ás 7:10 da mañá e, tras 5 horas de aburrida espera en Madrid despeguei novamente ás 13:30 rumbo a Bogotá con parada técnica en Cali, co que sumei 13 horas de viaxe máis... Coma sempre, fun incapaz de durmir mentres viaxaba, polo que cando cheguei (cunha hora de retraso) non podía coa alma. Eran as 22:00 de aquí cando cheguei a casa de Sara (unha amiga de Portonovo que me fixo o favor da miña vida acolléndome na súa casa durante un par de semanas), pero o meu corpo, que estaba empezando a aprender qué é eso do jet lag, dicía que eran as 5 da mañá e que levaba case un día enteiro sen durmir, así que tiven que renderme e rexeitar a invitación para ir a tomar algo (era sábado).

Deitarse e durmirse foi todo un, así que as miñas primeiras horas na cidade paseinas descansando. O tempo para descobrir a cidade xa viría despóis... Teño todo un ano por diante para desfrutar esto!






sábado, 8 de octubre de 2011

Ata logo Europa...


Empezo o blog con algo de retraso con respecto ó que tiña pensado, pero agora que por fin teño Internet na casa xa non teño excusa para non ir colgando algunhas fotiñas e comentarios sobre as miñas experiencias a este lado do Atlántico.

Agora que xa rompín o xeo, a idea é actualizalo unha ou dúas veces por semana, así que se vos interesa, xa sabedes, apuntade a dirección e lédeme de cando en cando, non vos esquezades de min... E por suposto, cando poidades deixádeme algún comentario, que tamén teño ganas de saber de vos...

Déixovos a foto da última visión de Europa que me quedou na retina: algún punto indeterminado da costa portuguesa, entre Aveiro e Figueira da Foz.

Ata logo Europa!