Enlaces

miércoles, 29 de febrero de 2012

Grandes personaxes estranxeiros relacionados con Colombia

Alfredo Di Stéfano

Hoxe toca falar dun par de celebridades de talla mundial relacionadas con Colombia.

En primeiro lugar, Alfredo Di Stéfano, que foi fichado polo Real Madrid ó Millonarios de Bogotá, onde xogou entre 1949 e 1953. Catro tempadas nas que gañou 3 ligas nas que anotou 90 goles en 101 partidos e unha copa, con 10 goles neste campionato, polo que aínda é lembrado coma un ídolo nesta cidade.

Carlos Gardel

Por outro lado, tamén ten relación con Colombia a lenda do tango Carlos Gardel, pero neste caso a relación é máis triste. Gardel morreu un 24 de xuño de 1935 nun accidente de aviación en Medellín despois dun recital nesta cidade cando estaba no máis alto da súa carreira.

jueves, 23 de febrero de 2012

Bogotá dende o mirador da Torre Colpatria

Torre Colpatria dende a base

Despois de tanto mirar á Torre Colpatria dende o chan e os seus espectáculos de luces nocturnos, por fin me decidín a subir ó mirador que ten no último piso, o 50.


Panel de botóns do elevador


Rematando a ascensión a pé

O elevador só chega ata o piso 46, polo que o resto da ascensión haina que facer polas escaleiras.

Praza de touros

Planetario

O primeiro impulso que se ten ó sair á terraza é  mirar cara abaixo, polo que a primeira imaxe que se ve é a praza de touros e mailo planetario, que están ó pe do lado oriental, polo que se sae ó mirador.

Mosteiro de Monserrate

Cerros orientais

Unha vez cumprido co impulso de ollar cara abaixo, pódese erguer por fin a mirada e atoparse de fronte cos cerros orientais. Despois de todos estes meses sigo afirmando o que dixen o primeiro día, que estas montañas son o máis fermoso da cidade con diferencia. Certamente, son un espectáculo para a vista. No curuto dun dos cerros está o mosteiro de Monserrate, unha das visitas obrigadas en Bogotá e que aínda teño pendente.

Vista cara o norte

Cruce entre Avda. "El Dorado" e Avda. "Caracas"

Avda. Caracas (esquerda) e Carreira Sétima

Cara o norte destaca as liñas que seguen a Carreira Sétima (antiga rúa Real) e Avenida Caracas. Ó lonxe á dereita está a miña casa.

Avenida "El Dorado"

Inmensidade de Bogotá vista cara o oeste

Cara o oeste a que destaca é a Avenida El Dorado, unha das principais arterias da cidade, que vai dereitiña ó aeroporto.

As vistas dende un mirador tan privilexiado coma este son impresionantes e permiten ver Bogotá en case todo o seu esplendor. Digo "case" porque non se ven os límites da cidade máis que polo lado oriental, onde os cerros a cortan de súpeto. Así que aínda dende aquí arriba non se alcanza a ver a cidade completa.

Ciclovía na Carreira Sétima

Colina urbanizada

Bogotá cara o sur

Cara o sur a imaxe é a mesma: unha cidade ínmensa inabarcable para os nosos ollos. Contra este lado os cerros son menos escarpados, polo que non se salvan de que lles constrúan enriba...

Para que vos fagades unha idea, a estrada que cruza Bogotá de sur a norte ten case 50 quilómetros de longo. Prácticamente a distancia que hai entre Pontevedra e Santiago. Non me imaxino cómo serán outras cidades moito máis grandes como Sao Paulo, que polo que teño oído ten 80 quilómtetros de lado a lado.

Heliporto na cima dun edificio

Unha das cousas curiossas que ten ver unha gran cidade dende arriba é a cantidade de heliportos que hai nos rañaceos, aínda que aquí non se ve que se usen moito.

Letreiro no curuto da torre

A visita á Torre Colpatria é unha desas cousas que non se pode deixar de facer nesta cidade. Por só 3.500 pesos (1,5 Euros aproximadamente) pódese desfrutar das vistas dunha cidade grandiosa que para min, que veño dun pobo de 25.000 habitantes, resultan impresionantes.

martes, 21 de febrero de 2012

Froitos exóticos: a guanábana


Guanábana co seu correspondente zume

Cando falei das froitas das que se pode desfrutar neste país mencionaba ó final de todo a guanábana. Na foto podedes ver cómo é este monstro: unha chirimoia xigante (en serio, son da misma familia, aínda que o tamaño é notablemente diferente) que mide entre 30 e 40 centímetros e pesa máis de dous quilos. Resulta curioso que semellante froita creza colgada da árbore, ó contrario doutras froitas de gran tamaño como sandías e melóns, que nacen dunha mata a rente do chan. Para evitar riscos, nunca pasearei por debaixo dun guanbanero (ou como se chame), porque por experiencia sei canto doe a caída dunha mazá na cachola; así que me imaxino as terribles consecuencias da caída dunha guanábana.

O zume de guanábana é un dos meus favoritos, aínda que xeralmente ten unha pinta bastante mala, como podedes apreciar no recipiente con zume branco que está enriba da froita... Aínda así, é máis que recomendable. En Colombia pódese mercar en multitude de postos ambulantes, e é común tomalo coas comidas, porén, non creo que sexa sinxelo de atopar en Europa...

viernes, 17 de febrero de 2012

Ciclovía

Sinalización da ciclovía

Como xa comentara nun post anterior, os domingos e festivos en Bogotá pódese sair a pasear por máis de 300 quilómetros de estradas cortadas para que, en lugar de coches circulen peatóns, patinadores e ciclistas. Cando o día acompaña, o tráfico da ciclovía pode ser tan denso como o tráfico de vehículos nas horas punta dun día de semana calquera.

Tráfico denso de ciclistas na civlovía 

Tamén hai algúns peatóns

Taller ambulante
Ó longo do trazado da ciclovía instálanse moitos postos ambulantes que ofrecen servizo de taller e venta de accesorios para patíns e bicicletas (cascos, sillíns, pedais, etc.).

Tenda de ciclismo en plena rúa
Pero non só se ofrecen servizos de reparación, tamén hai unha chea de postos nos que poder tomarse un zume ou algo de comer.

Aglomeración de postos de avituallamento na ciclovía

A ciclovía é unha gran iniciativa para esta cidade. Da gusto saír a pasear un anaco nas mañás do domingo e ocupar por un día o espazo reservado ó parque automovilístico.

miércoles, 15 de febrero de 2012

Publicidade mural


En Bogotá saben ben como saltarse a prohibición de pegar carteis nas paredes... Graffitis con moi boa calidade son os encargados de publicitar algúns productos, locais e mesmo as últimas estreas de cine. Aquí tedes unha mostra do que se pode ver en Chapinero, o meu barrio.

Cartel de "Inmortales 3D". Ollo á prohibición de "fijar avisos"

Cartel de Alcatraz dun tamaño nada despreciable



viernes, 10 de febrero de 2012

Mapa da presencia de grupos armados en Colombia



Ver Grupos Armados de Colombia nun mapa máis grande

Hai uns días falaba da situación de guerra que vive Colombia no post "Colombia, país en guerra". Para ampliar un pouco a información sobre o tema, hoxe déixovos un mapa que reflicte a situación do país e amosa o territorio baixo control dos diferentes grupos armados.

En verde está o ELN (Ejército de Liberación Nacional) - Guerrilla de extrema esquerda.
En amarelo están as FARC (Fuerzas Armadas revolucionarias de Colombia) - Guerrilla, tamén de extrema esquerda. Semella que hai tempo que ámbalas dúas guerrillas deixaron atrás a loita polos ideais para adicarse a protexer e explotar as plantacións de coca.

En marrón están as BACRIM, acrónimo de "bandas criminales emergentes" acuñado polo expresidente Álvaro Uribe para referirse ó conxunto de grupos paramilitares de ultradereita.

As Bacrim son o resultado da reestructuración dos grupos paramilitares despois da desmovilización (proceso polo que os guerrilleiros ou paramilitares deixan as armas para reintegrarse na vida civil) das Autodefensas Unidas de Colombia (AUC) no 2006, anterior nome que recibía o conxunto de grupos paramilitares. A desmovilización é un tema que crea controversia no país, xa que un dos incentivos para deixar as armas é un sueldo que, hoxe por hoxe, é lixeiramente superior ó dos policías, ou algo así escoitei na radio.

As AUC naceran como unha centralización das diferentes bandas paramilitares do país, cuxa misión era combater ás guerrillas comunistas, polo que contaron en numerosas ocasións co apoio (extraoficial) de políticos e empresarios.

Actualmente as Bacrim son unha mistura entre paramilitarismo, mafias e bandas de delincuentes comúns que loitan por manter as súas cotas no tráfico de drogas e abrir un corredor entre Ecuador e Panamá que facilite o narcotráfico cos EE.UU. Ó igual que pasaba coas guerrillas, trátase máis de narcotraficantes que de idealistas. Ó fenómeno Bacrim non se lle deu importancia durante anos, permitindo que os paramilitares non desmovilizados se reestructurasen e collesen forza, pero actualmente pasou a converterse na "nova guerra nacional".

Cando nos referimos ás Bacrim falamos de diferentes grupos:
  • Águilas Negras
  • Autodefensas Gaitanistas de Colombia
  • Los Urabeños
  • Los Machos
  • Los Paisas
  • Renacer
  • Nueva Generación
  • Los Rastrojos
  • Los Nevados
  • La Oficina de Envigado
Nestes meses que levo no pais os máis activos son Los Urabeños, que aparte de seren coñecidos polos seus ataques, tamén destacan porque constrúen submarinos artesanais capaces de trasladar a cocaína ata os EE.UU. Outros grupos que tamén están moi activos son Las Águilas Negras e La Oficina de Envigado.


jueves, 9 de febrero de 2012

Unha semana despois do "día sen carro"

Día con carros en Bogotá

A semana pasada comentaba a iniciativa do "día sen carro" que se leva a cabo en Bogotá unha vez ó ano. Unha semana despois dese post amósovos o que é a realidade da Carreira Sétima os restantes 364 días do ano (ou 365, que este ano é bisiesto).

6 carrís  na mesma dirección completamente atrancados

Por se vos quedaba dúbida algunha de que o tráfico en Bogotá é terrorífico, nas fotos podedes ver 6 carrís na mesma dirección completamente colapsados. O que non podedes apreciar é a sinfonía de bucinazos que acompaña sempre a estas fermosas estampas.

miércoles, 8 de febrero de 2012

Un xardín vertical

Fachada-xardín en Bogotá

Mentres paseaba este domingo descubrín un edificio no que estaban "prantando" un xardín vertical. Seguirei atento á evolución desta iniciativa, porque auga nesta cidade non lle vai faltar, e estou seguro de que pronto medrará ata cubrir completamente a fachada.

Estéticamente está moi ben, pero a nivel práctico pregúntome canto tempo van aguantar os propietarios esta frivolidade. Seguro que se lles enche a casa de bechos, que a sensación de humidade aumentará en todo o edificio e, para rematar, terán que pagar a un xardineiro funámbulo para que pode as herbas montado nun andamio, que seguro que non abondan.

Para aqueles que teñan ganas de ver semellante xardín en persoa, pódeno atopar sobre a carreira 15 con 90 aproximadamente.

martes, 7 de febrero de 2012

Controlador de parqueo

Controlador de parking

Cal é a mellor forma para controlar o nivel de ocupación dun parking? Como saber cantos sitios quedan libres e onde están? Cámaras de vixiancia? Tecnoloxía punta?

Pois non, un fulano cun "walkie-talkie" nunha atalaia no medio e medio da zona de aparcamento. Solucións sinxelas para problemas complexos.

lunes, 6 de febrero de 2012

Novo idioma para o blog

Nos últimos meses varios castelánparlantes suxeríronme que deixe de escribir en galego e me pase ó castelán...

Vou facer caso a medias, e non me vou a cambiar do galego ó castelán "a pelo", senon que convivirán as dúas linguas, polo menos de momento, porque esto vaime supoñer duplicar o traballo.

Dende hoxe haberá unha pestana na parte superior do blog para que aqueles que teñan problemas de comprensión co galego poidan pasarse ó castelán. En principio non teño pensado traducir os posts xa publicados, pero quizáis co tempo me anime, nunca se sabe.



sábado, 4 de febrero de 2012

Día sen carro en Bogotá


Panorámica de Bogotá no día sen carro

O pasado xoves foi un día sen coches en Bogotá. Esta iniciativa leva xa máis dunha década celebrándose e, ó contrario que en Europa, onde nestas xornadas o de non usar coche é unha recomendación, aquí é unha obriga. A multa por conducir coches non autorizados nesta data é de algo máis de 100 euros, ademáis da inmovilización e conseguinte necesidade de ir buscar o carro ó depósito, pagar a fianza e o servizo de grúa... Unha pasta que tiveron que aboar os 197 multados durante o día.

Estímase que nesta xornada deixaron de circular preto de millón e medio de vehículos privados, polo que Bogotá se converteu no imperio dos taxis e buses, ademáis dos vehículos oficiais, vehículos de servizos (polis, ambulancias, funerarias) e motos, que eran os únicos que tiñan dereito a circular.

O certo é que a primeira hora da mañá non notei moito o cambio, porque tódolos taxis e autobuses da cidade estaban circulando ó mesmo tempo.


Imperio de taxis e busetas

Pola contra, na tardiña sí que se notou moitísimo o decenso de tráfico, chegando a quedar baleira por momentos a Carreira Sétima (unha das principais vías da cidade) a unha hora na que debería estar completamente atascada....


Carreira Sétima baleira ás 17:45, en plena hora punta

O alcalde anunciou que tentará facer máis destas xornadas ó ano. A min paréceme ben!

viernes, 3 de febrero de 2012

Colombia, país en guerra

Atentado en Tumaco: 11 mortos e 70 feridos

Para aqueles que estades preocupados polas noticias da última ofensiva das FARC, teño que aclarar que estes incidentes tiveron lugar moi lonxe de Bogotá (máis preto de Ecuador que da capital). De feito, Bogotá non é un dos escenarios da guerra que todavía hai neste país, que ten lugar principalmente en zonas rurais e fronteirizas, onde os grupos armados manteñen o control de amplas zonas.

Atentado en Villa Rica: 7 mortos e 35 feridos

A cocaína é a principal fonte de financiamento das guerriñas e grupos paramilitares, polo que os seus intereses están centrados nas zonas onde existen prantacións de coca, bastante alonxadas da capital. Tamén están moi concentrados nas zonas fronteirizas, que son máis seguras para estes grupos ilegais xa que o exército colombiano non pode bombardear territorio ecuatoriano, peruano, brasileiro, panameño ou venezolano. Hai uns anos bombardearon sobre este país, feito polo que estiveron a piques de entrar en guerra, así que non creo que lles queden moitas ganas de volver a facelo...

Un pouco de historia resumida: o xermolo do conflicto armado actual foi un feito ocorrido nada menos que en 1948. Neste ano foi asasinado no centro de Bogotá Jorge Eliecer Gatián, un disidente do Partido Liberal. Inmediatamente xurdiron disturbios por toda a cidade dando lugar ó chamado Bogotazo. Estes disturbios espalláronse por todo o país dando paso a un período da historia colombiana coñecido como La Violencia (1948-1953).

Por mor desta inestabilidade foron xurdindo as primeiras guerriñas de esquerdas e, dada a incapacidade do exército estatal para acabar con eles, foron aparecendo grupos armados de extrema dereita ou paramilitares. Conformouse así un triángulo de bandos confrontados: exército regular, guerriñas e grupos paramilitares.

Timochenko, actual comandante das FARC

A guerra custa cartos, polo que o tráfico de drogas entrou en xogo como factor fundamental de financiamento. Co tempo acabaron por difuminarse os ideais que enfrontaban ós diferentes bandos para reducirse a unha guerra polo control do narcotráfico, que é o que semella actualmente.

Esta é a realidade que aínda se vive en Colombia, por máis que ás veces prefiramos mirar cara outro lado.