Enlaces

lunes, 2 de abril de 2012

O embalse de Guatapé

O Peñón

O embalse de Guatapé foi o seguinte lugar que aproveitei para visitar durante a miña estadía en Medellín. Bonito? Non, precioso. 

O Peñón de preto

Guatapé está a un par de horas de Medellín. Sería un paseiño se non tivese que viaxar nas terribles busetas colombianas. O caso é que aínda coas incomodidades da bustea a viaxe paga a pena, porque esta é unha desas paisaxes que se quedan gravadas na retina para sempre.

Escaleiras de acceso ó mirador

Guatapé non é unha formación natural, senón que é o resultado da construcción dunha presa. O caso é que o terreo inundado estaba cheo de pequenos outeiros que acabaron por convertirse nun arquipélago de pequenas illas no medio do embalse.

Vistas dende as escaleiras

Para desfrutar das vistas adecuadamente hai que subir ó "Peñón", un monolito de 300 e pico metros de alto ó que se sube por unhas escaleiras de cemento e ladrillo feas como elas soas. Para que vos fagades unha idea, estas escaleiras son como as dun edificio en obras. Polo menos eran seguras, porque as escaleiras anteriores eran de madeira, e abofé que non me atrevería a subilas nin tolo... 

Máis vistas


Para coroar o "peñón" haiche un fato de despropósitos. O curuto do monolito invita a desfrutar da natureza, relaxarse, ter un pouco de paz e atoparse cun mesmo. O malo é que todo esto vai adobado con reggaetón e salsa a todo volume que poñen nos tres bares que hai no cumio. Os colombianos sonche así...

Quen tería semellante idea?

E por se eso non abondase, deulles por construir unha torre de ladrillo máis fea aínda que as escaleiras. Repito, os colombianos sonche así... 

Panorámica dende o curuto do Peñón

Pero aínda con todo este ruido e feísmo constructivo, as vistas que se teñen dende aquí son absolutamente espectaculares e son razón suficiente para xustificar todo o esforzo invertido en subir.

Unhas vistas impresionantes, abofé que sí

Nas ribeiras do embalse hai dous pobos, Guatapé e El Peñol, dende onde se poden organizar actividades como kaiak, ski acuático, paseos en barca, etc. Gustaríame poder ter quedado un par de días nesta zona e poder facer algunha desas actividades, pero como o meu cuartel estaba en Medellín non me quedou máis remedio que coller a mochila e montarme de novo nunha incómoda buseta que me levase de novo á civilización. O bo sempre se acaba...

Apréciase pouco, pero aí hai un paxariño voando

Se algunha vez vos deixades caer por Medellín non perdades a oportunidade de achegarvos ata Guatapé porque non vos defraudará, estou seguro. O prezo para desfrutar deste paraíso? 2 horas de ida, 2 horas de volta, 13.000 pesiños por traxecto en autobús e 10.000 pesiños por subir ó mirador. Unha ganga.

Embalse de Guatapé en todo o seu esplendor

No hay comentarios:

Publicar un comentario