Enlaces

lunes, 28 de mayo de 2012

Un pouco de incivismo

Quedou claro o que non se pode facer?

Velaquí unha mostra da herdanza que os españois deixamos en Colombia, aparte da corrupción política... No cartel non pode indicarse máis claramente que non se debe botar comida ós peixes. A opinión dos visitantes do parque sobre o cartel atopeina a só dous metros: xente tirándolle "gusanitos" a unhas hordas de carpas que sacaban medio corpo da auga para facerse co prezado tesouro.

Naturalmente, todo baixo a supervisión de 4 policías... De coña.



domingo, 27 de mayo de 2012

O Parque Simón Bolívar de Bogotá

Mirador sobre o lago

Antes de seguir comentando a viaxe a Ecuador imos voltar un momento a Bogotá, concretamente ó Parque Metropolitano Simón Bolívar, a principal zona verde da cidade.

O lago é unha parte fundamental do Parque Bolívar

En Bogotá fachendéan de que este parque é meirande que o Central Park de Nova York. Comparacións aparte hai que dicir que o Bolívar é un lugar perfecto para o esparcemento, con camiños e pistas para correr, parques infantís a moreas, hectáreas e hectáreas de céspede, un xardín botánico, un parque de atraccións e, principalmente, un gran lago que está sempre presente independentemente da zona do parque na que se esté.

Carpas amoreadas no lago

O Parque Bolívar tamén é o escenario dalgúns dos concertos que se celebran na cidade, moitos deles organizados polo concello. O próximo vai ser "Rock al parque", un evento anual que se celebra dende 1995 onde tremerán os alicerces de Bogotá e que non me penso perder porque, entre outras cousas, é de balde... Outros eventos organizados pola alcaldía son "Ópera al parque", "Jazz al parque", etc. En canto os concertos privados, hai non moito estiveron tocando os Red Hot Chili Peppers.

Un de tantos recunchos onde esparcerse

As zonas de céspede son perfectas para xogar todo tipo de deportes, entre eles o "ultimate frisbee", que aprendín a xogar hai pouco e que penso seguir practicando no parque tódalas fins de semana cun grupiño de amigos.

Barquiñas e os cerros orientais ó fondo, unha paisaxe con encanto

Unha das mellores cousas do Bolívar é que a capa de árbores apenas deixa ver os edificios, polo que parece que se atopa un noutro ambiente, axudando a esquecerse por un momento de que esta cidade ten 10 millóns de habitantes...

A relixión está tamén presente... Coma en case todo en Colombia...

No lago pódese pasear en barquiñas alugadas, cousa que non fixen pero que non descarto facer algún día...

Atardecendo no Parque Metropolitano Simón Bolívar
Ademáis, no lago abondan as carpas, patos, garzas e outras aves, dándolle un toque máis natural...

Garza á beira do lago

Patiños desfrutando lonxe da xente

Eso sí, ás veces a natureza xoga malas pasadas...

Cagado por un paxaro, cousas da natureza...

jueves, 24 de mayo de 2012

No medio e medio do mundo: a liña do Ecuador

Latitude 0º 0' 0"
Poucos minutos ó norte de Quito está a Metade do Mundo, a liña pola que pasa o paralelo 0 e que marca a fronteira entre o Hemisferio Norte e o Hemisferio Sur.

Foto dende o Hemisferio Norte co monumento da Metade do Mundo ó fondo
 Aproveitando este lugar simbólico, en Ecuador construiuse un monumento bastante feo e debuxouse no chan esa liña imaxinaria que divide o mundo en dous.


Foto dende o Hemisferio Sur (moi diferente ó Norte...)

Foto curiosa esa na que podes ter unha perna en cada hemisferio. Sería moi bonito que fose certo, porque realmente o Ecuador pasa aproximadamente 200 metros ó norte deste monumento...

No medio, coma o xoves
 A liña do Ecuador pintouse baseándose nos cálculos feitos con ferramentas e aparellos que non eran precisos ó 100%, por eso cando apareceu o GPS levaron un chasco e descubriron que pintaran mal a liña. Cousas da vida, pero creo que tampouco lles importou moito, porque o monumento xa estaba construido e non tiñan ningunha gana de movelo de sitio.


Unha perna e un coll... en cada hemisferio

Aínda así, a foto sobre a liña da Metade do Mundo é un souvenir que todo visitante de Quito debe levar consigo, e pouco importa que a ubicación da liña non sexa exacta, porque o certo é que 200 metriños non son nada co grande que é o mundo...
Máis do mesmo, unha perna en cada hemisferio
 Pero se algún se queda coas ganas e quere estar exactamente no Ecuador, pode visitar un museo amateur que creou un fulano onde se poden facer algúns experimentos que só teñen sentido sobre o paralelo 0, como por exemplo, poñer un ovo de pé, comprobar que é imposible camiñar en liña recta cos ollos pechados, etc.

Facendo equilibrios sobre o Ecuador
Servindo de marco para os turistas

miércoles, 23 de mayo de 2012

Gárgolas!

Fachada principal da Basílica do Voto Nacional
 No post de onte xa poñía algunha foto da Basílica do Voto Nacional, pero gardeime un par de imaxes para hoxe que me chamaron moito a atención cando vin esta impoñente igrexa de cerca...

Basílica do Voto Nacional dende o costado oriental

Esta basílica foi contruida en estilo neogótico e incluso garda certas semellanzas con Notre-Dame de París, pero eso non foi o que me chamou a atención.

Torre neogótica
O curioso desta basílica son as súas gárgolas, menos famosas que as da citada Notre-Dame, pero moito máis curiosas, xa que teñen formas de animais autóctonos. Deste xeito, pódense admirar caimáns, tartarugas, pumas ou iguanas (como se ve na foto inferior), entre outros. O dito, moi pero que moi curiosas.

Gárgolas da Basílica do Voto Nacional de Colombia

martes, 22 de mayo de 2012

Quito

Rúa de Quito cun protagonista involuntario. Estes son os teus 15 minutos de fama amigo...
O meu primeiro contacto con Ecuador foi a súa capital: Quito.

Praza Grande
Quito é unha cidade preciosa, co casco vello máis grande e mellor conservado de Latinoamérica, polo que paga moitísimo a pena pasealo ben a fondo e sen presas para sentir o seu encanto colonial.

Catedral primada de Quito

Unha das curiosidades da cidade vella de Quito é que foi o primeiro en ser nomeado Patrimonio da Humanidade pola Unesco xunto co de Cracovia, onde tiven a oportunidade de vivir durante 8 meses.

Rúa de Quito
A cidade é espléndida, pero ten un clima un pouco raro, e é que cando está despexado vai un calor tremendo, pero en canto unha nuve cubre o sol fai falta poñerse unha chaquetiña por mor do fresco; e todo en cuestión de minutos. No meu caso foi suficiente media horiña de sol intenso para chamuscarme o pescozo e a parte superior das orellas...

Unha das múltiples igrexas da cidade
Outra das cousas que me chamaron a atención foi que as igrexas (moi abundantes) da capital ecuatoriana son todas de dúas cores: a fachada principal mantense na pedra orixinal, mentres o resto está cuberto de cal branca, polo que son unha mistura entre as igrexas de pedra que coñecemos no norte de España e as igrexas brancas de estilo colonial que vexo últimamente por este recuncho do mundo.

Teatro Bolívar no centro de Quito que foi devorado polo lume hai ano e medio
Pero sen dúbida, o máis característico de Quito son a cantidade de volcáns que rodean a cidade. Dende os miradoiros poden albiscarse ata 16 volcáns nos días máis claros. Eu tiven a mala sorte de que me tocaron días moi anubados, polo que me quedei coas ganas de ver algúns volcáns nevados tan espectaculares coma o Cotopaxi ou o Cayambe. O que sí que non tiven problemas en admirar foi o Pichincha, un volcán situado na beira da cidade; tan achegado está a Quito que, de feito, marca a súa marxe occidental.

Volcán Pichincha
Podería dicir moitas cousas máis desta preciosa cidade, pero todo se resume en que Quito é a cidade máis bonita das que levo visto nesta beira do Atlántico e estou seguro de que é unha das máis bonitas de toda Latinoamérica, sen dúbida.

Rúa de Quito cunha parte do Pichincha ao fondo

As casas pintadas en cores "pastel" danlle un toque moi fermoso ó casco vello

Estatua no medio da Praza da Independencia (ou Praza Grande)

Basílica do Voto Nacional ó fondo

Igrexas en dúas cores, unha das características da cidade

Fachada do Teatro Bolívar

Un pouco de autobombo, por que non?

Estatutas de Don Quixote nun dos floridos balcóns quiteños

Fachada principal da Basílica do Voto Nacional

Unha das empinadas rúas da cidade

Basílica do Voto Nacional, un dos sinais de identidade da cidade

Monumento de homenaxe ós libertadores

Outra rúa con encanto (coma a maioría das rúas do centro)

Eu onda o Mariscal Sucre, un dos meirandes próceres da independencia da Gran Colombia

miércoles, 16 de mayo de 2012

Un anuncio con moita clase

Un anuncio con moita "clace"

Nalgún que outro post xa fixera referencia ó mal que se adoita escribir en Colombia. En Ecuador a cousa non cambia, co agravante de que o fulano en cuestión ofrece láminas educativas...

domingo, 13 de mayo de 2012

A morte tiña un prezo...

A conquista do salvaxe oeste? Non, Quito 2012

Como todos sabemos, é bastante común que a realidade supere á ficción. Como nun bo spaghetti western, estes dous presuntos asasinos teñen posto prezo sobre a súa cabeza... Cazarrecompensas do mundo, en Quito seguen precisando dos vosos servizos!


sábado, 12 de mayo de 2012

Por un puñado de dólares

Destino: Quito

Xa vai quedando menos para rematar a miña estadía en Latinoamérica, polo que hai que aproveitar ó máximo as derradeiras oportunidades para seguir coñecendo esta beira do Atlántico. Desta vez tocou cruzar fronteiras ata un dos países veciños: Ecuador.

Unha das primeiras sorpresas que me levei con este país é a súa moeda oficial: o dólar americano... "Cosas veredes, amigo Sancho..."

Por un puñado de dólares

lunes, 7 de mayo de 2012

Unha pista...


Nestes últimos días non tiven moito tempo para escribir, pero teño algunhas cousiñas pendentes para contar que espero poder publicar canto antes.

Mentres, deixo unha pista de cal vai ser o meu próximo destino...