Paseando por Monguí en boa compaña |
Chegou a hora de rematar con Boyacá, aínda que sigo sen ter tódalas fotos que quixera. A viaxe rematou en Monguí, un pobo situado no medio dos Andes, afastado de todo e onde, por fortuna, aínda se conserva un espírito do máis auténtico e que se converteu rápidamente e sen lugar a dúbidas no meu pobo favorito dos poucos que levo visto no país.
Colombia auténtica |
Monguí é todo o contrario ó que vos imaxinades de Colombia, non ten nada de exótico. Non é máis ca unha pequena aldea onde a xente te saúda ó pasar, onde acodir a misa é o principal acontecemento semanal, onde te podes atopar a toda a mocidade do pobo con só dar un paseo de 10 minutos polas dúas cantinas que hai. Completan o panorama un clima coma o do outono galego e un ambiente eminentemente rural que semella moito máis a unha aldea galega que a un pobo caribeño, de non ser polas intensas cores das súas casas. Podería ficar aquí unha longa tempada, afastado de todo, non me cabe dúbida.
As miñas pelotas |
Para rematar, unha anécdota ben curiosa. Este pobo é a capital da fabricación de balóns do país, así que non puiden resistir a tentación...
Tanta é a importancia que ten a fabricación de pelotas en Monguí que lle ergueron un monumento ós pioneiros do sector, que alá polos anos 30 ensinaron a coser balóns ós campesiños, creando da nada unha industria que perdura ata o día de hoxe. Estes pioneiros eran Manuel e Froilán Ladino Agudelo.
Froilán, Agudelo... Vese que non son o único galego ó que lle gustou este pobo o suficiente como para quedarse.