Altar á beira dunha estrada boyacense |
En Colombia existe unha grande devoción pola Virxe do Carme que, oh sorpresa, aquí é a patroa dos condutores, non dos mariñeiros. A que se adicará aquí San Cristovo? Nin idea, pero co conto busquei un pouco e resulta que o pobre Cristovo é un santo de segunda, cuxo culto non é obrigatorio porque a propia Igrexa ten dúbidas sobre a súa existencia histórica (manda carallo!). Mal vamos en España encomendándonos a un santo que nunca existiu cada vez que collemos o coche...
O caso é que para que a Virxe do Carme se ocupe adecuadamente dos condutores colombianos (que xa sabemos que os santos sonche un pouco interesados), erguéronlle ás beiras das estradas moreas de altares de tódolos tamaños, formas e cores. Este exemplo é o máis espectacular de todos cantos vin, con carro incluido, para que non se esqueza da razón pola que lle puxeron a estatua. Todo un monumento.
No hay comentarios:
Publicar un comentario