Enlaces

jueves, 29 de marzo de 2012

Santa Fe de Antioquia

Rúa de Santa Fe de Antioquia

Santa Fe de Antioquia é un pobo colonial que forma parte da "Red de Pueblos Patrimonio de Colombia". Fundouse en 1541. Está a uns 80 quilómetros de Medellín, o que o convirte nunha das visitas obrigadas cando se visita a capital antioqueña, xa que se pode facer unha excursión dun día partindo dende a cidade e invertindo algo menos de 2 horas en autobús e uns 10.000 pesos por viaxe (aproximadamente 4,50 euros).

Espléndido balcón de madeira

Santa Fe semella que quedou estancada no tempo, polo que pasear polas súas rúas empedradas evoca a época da dominación española de Nueva Granada, nome de Colombia antes de independizarse. Aquí un pode atoparse casiñas construídas con adobe e palla, caseríos con espléndidos balcóns de madeira, fiestras enreixadas (tamén en madeira), antigas igrexas de inconfundible estilo colonial, etc.; todo un pobo con encanto que paga a pena visitar para deixarse perder polas súas rúas durante unhas horas e despóis deterse a comer unha "bandeja paisa" en calquera restaurante típico antes de seguir camiñando ata percorrer cada recuncho de Santa Fe.

Mercadiño de Santa Fe
 En Colombia hai un mercadiño cada día en cada esquina, e este pobo non podía ser menos, así que apenas 10 minutos despois de chegar a Santa Fe xa o tiña localizado...

Coches afeando a paisaxe

Fachada dunha casa colonial coas típicas fiestras enreixadas

Agardando o paso do tempo

Estropeando unha foto

Paseando tranquilamente polas rúas de Santa Fe

Unha das múltiples igrexas do pobo

Paseando polo adro

Paxaros autóctonos de cores moi vivas, aínda que non se aprecie ben

Igrexa de marcado estilo colonial

Para completar a estampa, o habitual en colombia: unha paisaxe espectacular, intensamente verde e húmida. Un auténtico pracer para a vista. Esta paisaxe é continua dende Medellín ata Santa Fe, o que fai que a viaxe sexa un atractivo máis da visita a este fermoso pobo.

Paisaxe andina

Santa Fe de Antioquia é sen dúbida unha desas visitas que non se poden deixar de facer se se ten a oportunidade. Paga a pena.
Se fose Cuba este coche estaría na rúa en lugar de estar no garaxe


Casiña inacabada construida con canas e adobe

miércoles, 28 de marzo de 2012

Vacas pastando en Medellín


Vacas pastando no medio de Medellín


Unha das cousas máis curiosas que me topei en Medellín foi unha manchea de vacas pastando á beira do río no medio da cidade. Moito me lembrei da miña primeira Feira de Viño de Chantada... Que tempos!

martes, 27 de marzo de 2012

Medellín dende o centro: o Parque Lleras

Parque Lleras, unha zona repleta de bares, restaurantes e discotecas


O Parque Lleras é un dos epicentros da marcha en Medellín. Como o meu plan na cidade era máis turístico que festeiro, non me pareceu gran cousa; pode resumirse como unha praza axardinada rodeada de bares, restaurantes e discotecas. Nada do outro mundo.


Posando coa miña característica falta de estilo

O peor de todo foi que o meu hostal estaba xusto nesta zona e máis dunha vez espertei co son do reggaetón reventándome os tímpanos... Pódovos asegurar que espertar ás 3:30 da mañá cun ruido tal que semelle que o mesmísimo Don Omar está cantándoche ó oído é bastante desagradable.

As estatuas de xente en pelotas sempre son un bo reclamo

Aínda así, hai cousas que pagan a pena no Lleras, como darse un paseo pola tarde antes de que abran os bares e poñan a música a todo volume cos altofalantes virados cara á rúa, convertindo o panorama sonoro nunha mistura inaguantable de chunda chunda, reggaetón, salsa, bachata e vallenato...

Vista do centro do Parque Lleras


Pero o mellor de todo é tomarse algo nun bar situado na terraza dun hotel do que non lembro o nome. Dende esa terraza hai unhas vistas espectaculares de Medellín, pero non levaba a cámara comigo cando subín, así que non teño fotos para amosar.


Hostal Lleras Park. Recomendable? Pois non de todo...

O Hostal Lleras Park foi a miña casa durante os dìas que pasei en Medellín; un lugar pouco recomendable polo ruido da marcha (escoitábase máis a mùsica no meu cuarto que na rúa) e non destaca pola súa limpeza tampouco... Pero bueno, é barato, e eso sempre se agradece...

Comendo un pouco de lixo


Resumindo, o Parque Lleras está ben para "ir de rumba" como se dí en Colombia, pero pouco máis, polo que se non vas con ese plan a Medellín, mellor que non collas un hotel pola zona porque non vas poder pegar ollo...

lunes, 26 de marzo de 2012

Medellín dende o centro: a Praza Botero

Praza Botero co Museo Nacional de Antioquia ao fondo

Como xa dicía no meu post anterior, o máis fermoso de Medellín é o enclave no que está situada máis que a propia cidade en sí, pero esto non significa que non haxa algúns rincóns con encanto que paguen a pena ser visitados.

Paseantes e vendedores na Praza Botero

A praza Botero, situada en pleno centro de Medellín é un espazo de 7.000 metros cadrados no que se expoñen de forma permanente 23 esculturas de Fernando Botero e que está situado ao pé da fachada principal do Museo Nacional de Antioquia e do Pazo da Cultura Rafael Uribe Uribe.

Cabalo desproporcionado co selo inconfundible de Botero

Persoalmente a obra de Botero non me atrae moito, pero teño que recoñecer que a praza ten o seu encanto e que boa parte deste encanto depende das esculturas.

Guerreiro coa picha manoseada polos amantes das artes

Aínda así, con toda a arte que atesoura (ou que se supón que atesoura) este rincón, vese que os usuarios "pasan" bastante do tema e que o que máis se desfruta é de facerse a típica foto guarro-cómica. Podo dar fe de que non había ningunha escultura que estivese espida espida que non tiveses manoseado o rabo ou as tetas... É unha das desvantaxes do bronce, que perde a cor se se sobetea demasiado...

Cúpula do Pazo da Cultura Rafel Uribe Uribe

Pazo da Cultura Rafael Uribe Uribe

sábado, 24 de marzo de 2012

Medellín dende lonxe

Biblioteca España (edificio negro na esquina superior esquerda)


Medellín é unha cidade que, como a meirande parte das cidades colombianas, non é especialmente bonita, pero que está ubicada nun enclave precioso. Por este motivo, as mellores fotos que se poden sacar son aquelas nas que se ve a cidade de lonxe, coas montañas que rodean o Val de Aburrá de fondo.


Vista do Val de Aburrá, no que se sitúa a zona metropolitana de Medellín


Aínda que non sexa unha cidade moito máis bonita que Bogotá, Medellín si que conta ó seu favor con ser unha cidade moito máis organizada que a capital. Basta con pasar uns minutos aquí para comprobar que conta cun transporte público moito mellor que o de Bogotá e un tráfico menos caótico onde uns conductores respetan ós outros ademáis das sinais de tráfico e os semáforos en vermello... Medellín parece máis unha cidade europea que latinoamericana en moitos aspectos.

A Comuna 13, na ladeira das montañas


Medellín é unha cidade que conta cunha historia recente terrible marcada pola violencia e o as historias dos grandes narcotraficantes, entre os que destaca o famoso mundialmente Pablo Escobar; e esta sona da violencia dos 80 e 90 todavía lastra a esta cidade xerando prexuizos en todos aqueles que a descoñecen.

Nos últimos anos o conto cambiou moito e a cidade é moito máis segura do que a priori un se espera, pero aínda quedan zonas marcadas pola violencia, en especial a Comuna 13, onde seguen a rexistrarse tiroteos e mortes a diario. Esta situación que vive agora a comuna 13 vivíase non hai moito noutros barrios da cidade como o de Santo Domingo, que hoxe en día é completamente seguro gracias ós axeitados plans de integración das zonas desfavorecidas que se veñen executando en Medellín dende hai uns anos.

"Metrocable": Teleférico integrado co sistema de transporte de Medellín


Os plans de integración de Medellín pasan pola construcción de centros sociais e culturais nas peores zonas e os esforzos por comunicar estes barrios co centro. No barrio de Santo Domingo do que falaba antes construiron a Biblioteca España e unha liña de teleférico integrada co metro que permite chegar dende esta comuna situada nas faldas dos montes ó centro en apenas media hora e por un prezo razoable.

Centro de Medellín dende o barrio de Santo Domingo

Dende Santo Domingo as vistas da cidade son absolutamente espectaculares, pero tamén resulta impresionante a vista a ras de chan, onde todo canto se ve é chabolismo onde se agolpan millerios e milleiros de persoas.


Construcción típica das zonas pobres

Barrio de Santo Domingo

Entre toda esta pobreza o que máis se pode destacar é a aqctitude da xente. Eu diría que vin moita pobreza, pero non vin moita infelicidade. Calquera de nós, acostumados a ter tódalas comodidades seríamos incapaces de sobrevivir neste entorno, pero esta xente está afeita á pobreza e á escaseza de o¡cousas tan básicas para nós coma a auga quente...

Pasear por estes barrios deprimidos é toda unha lección de vida, e unha forma diferente de ver as cousas é o mellor que me podo levar deste país.

Barrio de Santo Domingo, zona dominada polas chabolas

A inxustiza social que tanto abonda en América Latina non pode co ánimo desta xente, que seguen sempre adiante como poden loitando por un futuro que o resto do mundo nos empeñamos en negarlles. Esto non é sinxelo de amañar, pero en Medellín demóstrase que se hai vontade por avanzar, as cousas poden cambiarse. Estas comunas seguen sendo pobres, pero a súa situación é moitísimo mellor que a de hai uns anos: menos tiroteos, menos pandillas, máis servizos sociais, máis instalacións municipáis, mellor comunicación, etc.; en definitiva, máis integración e menos exclusión. Ogallá a cousa siga avanzando nesta dirección e que nos próximos anos a situación desta xente poida cambiar radicalmente.


Panorámica da liña de metrocable

Despóis de pasear polo barrio toca baixar novamente á cidade moderna e darlle voltas á experiencia vivida...

martes, 20 de marzo de 2012

Blackhawk

Blackhawk

Ten o exército colombiano Blackhawks? Pois sí, bastantes, e en Medellín danlles bastante uso. Esta fin de semana vin unhas cantas máquinas destas sobrevoar a cidade cara ás montañas, sinal de que o conflicto segue...

jueves, 15 de marzo de 2012

A miña primeira foto de Medellín


Lume forestal en Medellín

Esta semana viaxei a Medellín, segunda cidade en importancia de Colombia e, entre outras cousas, cuna de Pablo Escobar... Pasarei aquí 2 días traballando (hoxe e mañá) e 3 días "turisteando" porque o luns será festivo en Colombia.

Seguro que esta viaxe dará para máis dun post, pero quero aproveitar esta primeira aproximación para seguir na liña das últimas publicacións: a morriña.

Medellín está situado nun burato rodeada de montañas polos catro costados e, lamentablemente, esas montañas están a ser moi afectadas polos lumes forestais durante as últimas semanas segundo teño escoitado na radio. Hoxe puiden comprobalo cos meus propios ollos contando ata 4 lumes ó tempo na mesma mañá. Igualiño que estar en Galicia no verán, que pena...

lunes, 12 de marzo de 2012

Muro con cristal rachado

Muro con cristal rachado


Cando un vive no estranxeiro nunca se sabe o que pode atopar en calquera esquina que poida acabar por facer viaxar a súa mente á súa terra, por lonxe que esté. Ás veces basta con algo tan simple como esa peza tan típica da aquitectura galega e que en Colombia tamén ten moito predicamento: "o muro con cristal rachado".

Como estar na casa, abofé que si...

martes, 6 de marzo de 2012

Patriotismo subliminal




Algo que me resulta raro e un tanto anacrónico de Colombia é o patriotismo inculcado por lei. Neste país soa o himno tódolos días en tódalas emisoras de radio nacionais aproximadamente ás 6 da tarde, pero non só na radio, senon tamén en edificios públicos como estacións de buses ou mesmo no aeroporto. Tamén nos eventos deportivos (eso non me resulta raro) e incluso nalgúns seminarios e foros ós que teño asistido.

Teño que confesar que ó principio non entendía nada ben a letra porque a versión que poñen na radio non ten un audio moi bo, pero co paso do tempo xa mo fun aprendendo subliminalmente e cada vez que o escoito sáenme as estrofas soas. Manda carallo, realmente o lavado de cerebro funciona! E se funciona comigo que levo aquí só 6 meses, xa imaxino os efectos que ten nos colombianos que o levan escoitando dende rapaces...

O himno é realmente longo, pero a versión de poñer a diario está recurtada. Esta é a letra do formato curto:

¡Oh, gloria inmarcesible!
¡Oh, júbilo inmortal!
En surcos de dolores
el bien germina ya
(x2)

¡Cesó la horrible noche!
La libertad sublime
derrama las auroras
de su invencible luz

La humanidad entera
que entre cadenas gime,
comprende las palabras
del que murió en la cruz.

lunes, 5 de marzo de 2012

O páramo de Sumapaz

Vistas dende o páramo de Sumapaz


Aínda que Bogotá non sexa a cidade máis bonita do mundo, a súa ubcación é un auténtico agasallo para poder desfrutar de ecosistemas completamente diferentes con só desprazarse un par de horas en direccións opostas.

Se vas "costa abaixo" polos andes durante un par de horas atoparaste en "tierra caliente"; se te desprazas no mesmo plano, podes atoparte un bosque de névoa impresionante como o de Chicaque a un  paso da cidade; pero esta fin de semana tocou desprazarse costa arriba, cara o páramo máis grande do mundo: Sumapaz.

Compañeiros de excursión

O páramo é un ecosistema de montaña andino que se da entre os 3.000 e os 5.000 metros de altura aproximadamente. A estas alturas desaparecen os bosques e só queda vexetación baixa, como herbas, matorrais e "frailejones", unha pranta típica destes ecosistemas. 


Ben abrigados polo páramo

O que máis me gustou da excursión foi o terreo de transición, cando todavía hai algunhas árbores e todo arredor é dun verde intenso misturado con tonalidades amarelas. Realmente parecía que estaba paseando por Galicia nun día de outono. Pero o máis galego de todo era o clima, fresco e húmido, cunha chuvia intermitente e unha nevoeira constante que nos acompañou durante a meirande parte do percorrido. 

Envoltos poa mesta névoa

Esa chuvia sentoume xenial, coma estar na casa. Non se parecía en nada á chuvia torrencial que cae en Bogotá completamente vertical. Esta chuvia era poalla! Fina e lixeira, tan lixeira que viña de lado empurrada polo vento. Unha auténtica marabilla. Por un momento sentín coma se paseara polo monte na busca de fungos, sentín coma se de golpe me chantasen no medio da miña terra, polo que durante as 4 horas e pico de camiñata acompañoume unha intensa morriña.

Camiñando por unha arista

A camiñata desenvolveuse entre os 3.300 e os 3.700 metros de altura, 1.000 metros máis alto que Bogotá e tan arriba coma o Teide, que é o pico máis alto de España. O noso guía non deixaba de preguntar se nos mareabamos polo mal de altura, pero finalmente ningún tivo ese problema. Haberá que seguir forzando e buscar alturas maiores.

Vexetación típica do páramo

Con toda a nevoeira non puidemos desfrutar das vistas, que tiñan que ser realmente impresionantes, con lagos formados por antigos glaciares, montañas afiadas coma coitelos por unha banda e suaves colinas pola banda contraria.

Aínda así eu desfrutei a fondo da experiencia. De feito case me atrevería a dicir que me gustou máis sentir a poalla e o vento frío baténdome na face que calquera vista fermosa que a paisaxe me poidese ofrecer. 


"Frailejón" en flor

E o máís curioso é que se pode desfrutar de todo isto sen necesidade de sair de Bogotá, porque aínda que este sexa o páramo máis grande do mundo e forme parte de varios departamentos de Colombia, a parte que nos recorremos pertence ó termino municipal da capital, e iso que nos levou máis de dúas horas de autobús chegar ata alí!


Frailejóns

Frailejóns cubertos pola nevoeira

Frailejóns camuflados entre a névoa

Frailejón en detalle


Na parte baixa do páramo estaba un pouco máis despexado

Un outono en Galicia

Camiñando cara o abismo