Os que me coñecen saben que nunca fun moi partidario das series de televisión, pero por fin dei cunha serie que me enganchou de cheo: Escobar, el patrón del mal.
Se a todos nós nos soa quen foi Pablo Escobar e algunhas cousas das que fixo, podedes imaxinar realmente ata que punto influiu na Historia deste país e ata que punto a súa sombra segue alongándose sobre Colombia case que 20 anos despois da súa morte.
Os 3 primeiros minutos do primeiro capítulo son memorables, empezando coa famosa grabación: "Que a mi nunca en la gran puta vida me coger; y que yo desde la selva los mando matar a todos, que a la larga los que van a perder van a ser ellos"; e seguindo cun repaso dos seus magnicidios (un ministro, un candidato a presidente) e atentados (avión de avianca, coche bomba no Parque da 93 de Bogotá, sede do periódico El Tiempo, etc.).
Este home declarou unha guerra frontal contra o Estado e axeonllou a Colombia durante anos co fin de evitar a súa extradición ós Estados Unidos, deixando miles de mortos ás súas costas. Ó mesmo tempo, Escobar repartiu parte da súa fortuna (seica chegou a amasar a sétima maior fortuna do mundo) entre os máis desfavorecidos de Medellín, dándolle casa a milleiros de persoas que vivían nun vertedoiro, polo que segue a ser recordado con cariño e admiración por moitas persoas. Fixo tantos méritos para entrar no ceo coma no inferno...
Disque no seu enterro foi acompañado por 100.000 persoas. Eu non os contei, pero no seguinte video queda claro que non foron poucos os que choraron a súa morte e gritaron o seu nome ata que recibiu sepultura.
Dubido que existise na historia outra persoa que, sen ter sangue azul ou sen ter rango militar, fose capaz de marcar por sí soa a Historia dun país tan fondamente...
Na serie hai moitos personaxes cos nomes cambiados, supoño que por problemas legais, pero son clarísimamente recoñecibles: os irmáns Motoa (en realidade os irmáns Ochoa, cofundadores do Cártel de Medellin), o Mariachi (en realidade El Mexicano, tamén cofundador do cártel), Santorini (Santofimio, o padriño político de Escobar), etc.
Seguramente esta serie non signifique o mesmo para os que non estedes vivindo aquí, pero recoméndovola de tódolos xeitos. É
sinxelo atopala en Internet, así que non perdades tempo para
coñecer un pouco da Historia recente de Colombia a través dos ollos dun
dos grandes viláns do século XX.
Para completar a historia d'El Patrón, tamén vos recomendo o documental "Pecados de mi padre", que narra a vida de Pablo e a do seu fillo, estigmatizado de por vida e condeado a vivir no exilio polos rivais do seu pai para evitar que se lle ocorrese buscar vinganza...
Para finalizar compre preguntarse... como é Colombia despois da morte de Escobar? Pois o tráfico de drogas multiplicouse, o tráfico de armas multiplicouse, a corrupción multiplicouse, etc. Ningún dos grandes males deste país desapareceu con él... Quizáis porque él non era o maior dos problemas, ou quizáis porque inxectou ben dentro do seu sistema o veleno dos seus negocios e a súa violencia. Quen sabe?
No hay comentarios:
Publicar un comentario