|
Piscina do hostel Divanga |
Como xa adiantaba onte, veño de pasar uns días no Caribe colombiano aproveitando que había outro día festivo que permitía tomarse unha fin de semana longa...
Este é o hostel no que nos quedamos en
Taganga, un pobo minúsculo situado nunha bahía preciosa e que é moi concorrido polos amantes do buceo.
|
Cactus no tellado do hostel |
|
Taganga é, para variar, un pobo feo e pobre. É unha pena ver o descoidado e atrasado que están os pobos e cidades do país. Apenas quedan cascos vellos (poden contarse cos dedos dunha man), e todo son edificios baixos de ladrillo, xeralmente descuberto e a medio acabar, cando non directamente chabolas. Unha pena. En Taganga, por exemplo, había só dúas rúas asfaltadas e o resto eran de terra e destrozadas polos regos de auga, porque cando aquí chove, chove a gusto.
|
Na rúa do noso hostel (pista de terra) |
|
Casiñas de Taganga |
|
Supermercado |
|
Paseo marítimo |
|
Bus típico colombiano (chiva) |
|
|
De Taganga dirxímonos ó Parque Nacional Natural de Tayrona. Trasladámonos en lancha durante aproximadamente unha hora. A experiencia foi moi divertida / emocionante, xa que o traxecto é por mar aberto e acábase co cu destrozado de tanto chimpar no asento e empapado de romper as tremendas ondas caribeñas. O certo é que me esperaba un mar calmo, pero é que estou demasiado acostumado á ría, e ás veces esquezo que o mar aberto é bravo...
A foto de arriba tomeina antes de sair da bahía de Taganga, porque 2 minutos despois xa era imposible sacar a cámara por mor da auga que entraba e dos botes que pegabamos.
|
Zona de acampada do Cabo San Juan, no parque de Tayrona |
O parque de Tayrona é un Caribe salvaxe, diferente do que esperaba. Non hai hoteis de 5 estrelas nin está moi masificado. De feito, as instalacións son bastante regulares (os baños eran pésimos), e o mar non estaba azul cristalino, senón completamente revolto polo mar de fondo. Aínda así, ten moito encanto, como podedes imaxinar...
|
Vexetación tropical |
|
Papaias na árbore |
|
Fulano podando unha palmeira |
Tivemos a sorte de que estaban podando as palmeiras do parque e baixando os cocos. O mellor de todo era que coas ramas tamén cortaban os cocos e non había máis que pedirlle a algún do persoal do parque que che abrira un co seu machete para beberlle a auga e comelo; gratis! Cousa rara, porque no parque cobraban todo a prezo de ouro...
|
Palmeiras |
Para durmir había dúas modalidades: a) tenda de campaña, coma un camping de toda a vida ou b) hamacas.
Nós escollemos esta opción. Non podo dicir que sexa o máis cómodo do mundo, pero a pesares do que me custa durmir fóra da miña cama, o certo é que uiden durmir mellor do que esperaba.
|
Cabana das hamacas (sen paredes, para que?) |
|
O meu "cuarto" |
Que se pode facer no parque de Tayrona aparte de tomar o sol e bañarse na praia? Pois dar camiñatas pola selva. Sen dúbida, o máis gratificante de estar nun sitio así. No noso caso fixemos o camiño ás ruinas dunha cidade precolombina, xa que estas terras estaban poboadas pola etnia tayrona, que da nome ó parque antes de que chegaran os españois a dar polo saco.
Para darlle máis emoción, algúns optamos por ir descalzos, ó xeito indíxena. Só nos faltaba o taparrabos... Folga dicir que a camiñata pola selva paga moito a pena.
|
Listos para chegar ás ruinas de "pueblito" |
|
Tramo fluvial do camiño de pueblito |
|
Trekkng ó xeito indíxena (lástima non ter un taparrabos a man) |
|
Casa reconstruida en Pueblito. O que ven sendo un castro pero en madeira... |
E despois da camiñata, un bo baño nunha praia deserta do Caribe. Non había un alma, tiñamos 500 metros de praia para nós!
|
Praia deserta |
Esta vez, a diferencia da Amazonía, sí que puiden ver algunha fauna salvaxe: pelícanos, unha iguana, ras de cores e mesmo unha "babilla" (cría de caimán) no medio dun barrizal. Lamentablemente, nunca tiña a cámara a man e os condenados dos bechos fuxen a fume de carozo...
Ás que sí puiden fotografar foron ás formigas, que había milleros por tódalas esquinas transportando follas sen parar. Tamén pillei a un sapo moi curioso que estivo un bo rato baixo a miña cama e algún cangrexo que pasaba por alí.
|
Carreiro de formigas vermellas |
|
Sapo e cangrexo |
|
Sapo en solitario |
E así pasaron os días ata que chegou o momento de sair do parque e voltar a Bogotá. Pero en vez de sair andando optamos por sair a cabalo. Era a primeira vez que o facía e estaba bastante cagado, xa que non me fíaba moito, pero a experienca estivo xenial e repetirei en canto poida. O meu cabalo chamábase indio e tiraba bastante, aínda que non lle fixo moita gracia levar a miña maleta "trolley" colgada dun costado... Teño que mercarme un mochilón para estas cousas...
|
Iker Casillas |
|
Indio, eu e a miña maleta (hai fotos mellores, pero non na miña cámara...) |
E despóis destes catro días cheguei ó aeroporto de Santa Marta con estas pintas:
|
Listo para facer o check in no aeroporto |
Por se vos queda algunha dúbida, na costa do Caribe haiche moito calor e o corpo pídeche andar sen camiseta todo o día...
Outra mostra é a última foto desta tanda; nas rúas de Rodadero, un barrio de Santa Marta, de noite, sen camiseta, e coa decoración de Nadal das rúas... Resulta difícil asimilar que estou en decembro pero con tempo de pleno verán...
|
Nas rúas de Rodadero |
E con esto remato por hoxe, que xa vai unha boa mostra de fotos e unha boa parrafada. Mañá paso á parte negativa, que tamén a hai...