Enlaces

martes, 13 de diciembre de 2011

Visita ó Caribe

Piscina do hostel Divanga

Como xa adiantaba onte, veño de pasar uns días no Caribe colombiano aproveitando que había outro día festivo que permitía tomarse unha fin de semana longa...

Este é o hostel no que nos quedamos en Taganga, un pobo minúsculo situado nunha bahía preciosa e que é moi concorrido polos amantes do buceo.

Cactus no tellado do hostel
Taganga é, para variar, un pobo feo e pobre. É unha pena ver o descoidado e atrasado que están os pobos e cidades do país. Apenas quedan cascos vellos (poden contarse cos dedos dunha man), e todo son edificios baixos de ladrillo, xeralmente descuberto e a medio acabar, cando non directamente chabolas. Unha pena. En Taganga, por exemplo, había só dúas rúas asfaltadas e o resto eran de terra e destrozadas polos regos de auga, porque cando aquí chove, chove a gusto.

Na rúa do noso hostel (pista de terra)

Casiñas de Taganga

Supermercado

Paseo marítimo

Bus típico colombiano (chiva)


De Taganga dirxímonos ó Parque Nacional Natural de Tayrona. Trasladámonos en lancha durante aproximadamente unha hora. A experiencia foi moi divertida / emocionante, xa que o traxecto é por mar aberto e acábase co cu destrozado de tanto chimpar no asento e empapado de romper as tremendas ondas caribeñas. O certo é que me esperaba un mar calmo, pero é que estou demasiado acostumado á ría, e ás veces esquezo que o mar aberto é bravo...
A foto de arriba tomeina antes de sair da bahía de Taganga, porque 2 minutos despois xa era imposible sacar a cámara por mor da auga que entraba e dos botes que pegabamos.


Zona de acampada do Cabo San Juan, no parque de Tayrona

O parque de Tayrona é un Caribe salvaxe, diferente do que esperaba. Non hai hoteis de 5 estrelas nin está moi masificado. De feito, as instalacións son bastante regulares (os baños eran pésimos), e o mar non estaba azul cristalino, senón completamente revolto polo mar de fondo. Aínda así, ten moito encanto, como podedes imaxinar...

Vexetación tropical

Papaias na árbore

Fulano podando unha palmeira
 Tivemos a sorte de que estaban podando as palmeiras do parque e baixando os cocos. O mellor de todo era que coas ramas tamén cortaban os cocos e non había máis que pedirlle a algún do persoal do parque que che abrira un co seu machete para beberlle a auga e comelo; gratis! Cousa rara, porque no parque cobraban todo a prezo de ouro...

Palmeiras
Para durmir había dúas modalidades: a) tenda de campaña, coma un camping de toda a vida ou b) hamacas.
Nós escollemos esta opción. Non podo dicir que sexa o máis cómodo do mundo, pero a pesares do que me custa durmir fóra da miña cama, o certo é que uiden durmir mellor do que esperaba.

Cabana das hamacas (sen paredes, para que?)

O meu "cuarto"
Que se pode facer no parque de Tayrona aparte de tomar o sol e bañarse na praia? Pois dar camiñatas pola selva. Sen dúbida, o máis gratificante de estar nun sitio así. No noso caso fixemos o camiño ás ruinas dunha cidade precolombina, xa que estas terras estaban poboadas pola etnia tayrona, que da nome ó parque antes de que chegaran os españois a dar polo saco.

Para darlle máis emoción, algúns optamos por ir descalzos, ó xeito indíxena. Só nos faltaba o taparrabos... Folga dicir que a camiñata pola selva paga moito a pena.

Listos para chegar ás ruinas de "pueblito"

Tramo fluvial do camiño de pueblito
Trekkng ó xeito indíxena (lástima non ter un taparrabos a man)

Casa reconstruida en Pueblito. O que ven sendo un castro pero en madeira...
 E despois da camiñata, un bo baño nunha praia deserta do Caribe. Non había un alma, tiñamos 500 metros de praia para nós!
Praia deserta
 Esta vez, a diferencia da Amazonía, sí que puiden ver algunha fauna salvaxe: pelícanos, unha iguana, ras de cores e mesmo unha "babilla" (cría de caimán) no medio dun barrizal. Lamentablemente, nunca tiña a cámara a man e os condenados dos bechos fuxen a fume de carozo...

Ás que sí puiden fotografar foron ás formigas, que había milleros por tódalas esquinas transportando follas sen parar. Tamén pillei a un sapo moi curioso que estivo un bo rato baixo a miña cama e algún cangrexo que pasaba por alí.

Carreiro de formigas vermellas
Sapo e cangrexo

Sapo en solitario

E así pasaron os días ata que chegou o momento de sair do parque e voltar a Bogotá. Pero en vez de sair andando optamos por sair a cabalo. Era a primeira vez que o facía e estaba bastante cagado, xa que non me fíaba moito, pero a experienca estivo xenial e repetirei en canto poida. O meu cabalo chamábase indio e tiraba bastante, aínda que non lle fixo moita gracia levar a miña maleta "trolley" colgada dun costado... Teño que mercarme un mochilón para estas cousas...


Iker Casillas

Indio, eu e a miña maleta (hai fotos mellores, pero non na miña cámara...)
 E despóis destes catro días cheguei ó aeroporto de Santa Marta con estas pintas:

Listo para facer o check in no aeroporto
Por se vos queda algunha dúbida, na costa do Caribe haiche moito calor e o corpo pídeche andar sen camiseta todo o día...

Outra mostra é a última foto desta tanda; nas rúas de Rodadero, un barrio de Santa Marta, de noite, sen camiseta, e coa decoración de Nadal das rúas... Resulta difícil asimilar que estou en decembro pero con tempo de pleno verán...

Nas rúas de Rodadero
E con esto remato por hoxe, que xa vai unha boa mostra de fotos e unha boa parrafada. Mañá paso á parte negativa, que tamén a hai...


No hay comentarios:

Publicar un comentario