Enlaces

jueves, 29 de diciembre de 2011

Cousas que me gustan de Colombia

O mellor de Colombia? Esto (máis os que faltan)


Como non todo vai ser negatividade, sí que hai cousas que teño que admitir que me gustan, algunhas moito:


  • Riqueza natural. Pouco hai que dicir: paisaxes, vexetación, animais que para min son moi exóticos, etc.
  • Amabilidade. Aínda que ás veces demasiado pomposa. Nunca na miña vida me charan "su merced", e agora pásame algunhas veces por semana.
  • Clima. Temperatura suave todo o ano, incluso en Bogotá, que ven sendo frío para o que é o país, pero non hai comparación cos nosos invernos...
  • Zumes. Estoume acostumando a comer con zumes en vez de con auga, e gústame!
  • Algunhas comidas. A cociña colombiana non é o mellor do mundo, e está moi pordebaixo da española en xeral e da galega en particular... Aínda así non me disgustan as mezcolanzas que se fan aquí: arroz con froitas, arroz con lentellas (sí, sí arroz con lentellas, non lentellas con arroz), as salsas picantes, a ensalada con fresa, a bandexa paisa, os "frijoles" colorados e negros, os corrientazos en xeral, etc. O que detesto é comer sen pan!
  • Supermercado aberto 24 horas. Tal e como sona.
  • Ximnasio aberto 24 horas. Se algún día me apunto gustarame saber que podeei ir facer spinning ás 3 da mañá se me apetece (quepaís de tolos...).
  • Ciclovía. 120 quilómetros de rúas en Bogotá tódolos domingos e festivos para que a xente saia a camiñar, patinar, pedalear, etc.
  • O sistema político. Máis baseado nas persoas e menos nos partidos. O malo é que a maioría destas persoas son uns fillos de puta... Aínda así, o sistema gústame máis que o de España.
  • A miña panda. Aínda que esto non é mérito do páis, senón casualdidade de que nos xuntaramos aquí...

e outras moitas cousas que me reservarei para comentar ó final da estadía no país, se me lembro, ou se non cambio de parecer de aquí a alá...


viernes, 23 de diciembre de 2011

Cousas que non me gustan de Colombia



Bogotá (bueno, un cacho, que aínda é máis grande....)

Momento de facer balanzo despóis dos primeiros meses en Colombia... Como xa sabedes, sempre fun moito mellor sacando defectos que gabando, así que vou empezar por enumerar algunhas cousas que non me gustan deste país en xeral e de Bogotá en particular:

  • A desigualdade. Hai pobres no nos país, sí. Respírase miseria ó salir á rúa? Non, como aquí non. Hai moita pobreza, moi visible e con poucas trazas de mellora. Unha boa parte desta cidade (e do país) son barrios marxinais.
  • A falta de oportunidades. É un complemento do anterior. Non parece que alguén que naza nun barrio pobre poida vencer ó seu destino e sair del. Pobre naces, pobre morres.
  • A inseguridade. Tampouco é unha ciadade tan insegura como os nosos prexuizos nos fan pensar antes de chegar, pero esto non é Europa, e hai que ter un pouco de siso e "non dar papaya" (non poñer as cousas "a huevo" para os cacos).
  • Corrupción e despilfarro. Como pode ser que un país con tantos recursos naturais (petróleo, carbón, ouro, esmeraldas) e biolóxicos (vexetación, gando, etc.); que ten todo para que os seus habitantes poidan vivir coma reis, esté na situación que está? Ah, si, é a herdanza que lles deixamos co colonialismo sumada a unha casta política coa honradez latina (latina en sentido estricto, española, italiana, rumana, portuguesa e latinoamericana, non me malentendades) sumada ós principios usamericanos.
  • Infraestructuras:
    • A insuficiencia do alcantarillado de Bogotá. Parece incrible que nunha cidade na que chove, e moito, sexan incapaces de ter un sistema de alcantarillado capaz de canalizar un pouco mellor a cantidade de auga que cae. Xa non digo absorver todo, pero en Bogotá é suficiente con que chova durante 15 minutos para que empecen a escorregar auténticos ríos polas rúas e se formen mares en lugar de charcos.
    • As aceras. Irregulares, bacheadas, excesivamente altas e descoidadas. Case non se pode nin camiñar por elas en determinadas zonas. Para as persoas en silla de rodas é unha cidade moi hostil.
    • As estradas urbanas. Baches, estreitamentos, mala sinalización, etc. Tan malas como as do meu pobo, que abofé que son malas.
    • As estradas interurbanas. 100 quilómetros en 4 horas. Con eso está todo dito.
    • O tráfico. Demasiado tráfico, demasiado contaminante, demasiados atascos, cambios de sentido nalgunhas vías a determinadas horas, falta de respeto polas sinais de tráfico e polos outros conductores (non se respeta nin un só ceda o paso). É un caos. Aínda así, un dos mellores momentos que pasei aquí foi conducir por Bogotá, non hai lei.
    • Feísmo. Os galegos sabemos de sobra o que é vivir rodeados de feísmo, pero neste país son os reis deste asunto. Non teñen reparos en botar abaixo o que sea para faceren edificios novos, de xeito que apenas quedan cascos antigos ou pobos con encanto. Todo é ladrillo descuberto e bloques. É unha pena que un país tan bonito teña unhas cidades e pobos tan estragados, pero cando non hai cartos, o prioritario é construir un teito, non unha casa bonita...
  • Clasismo. A sociedade colombiana é tremendamente clasista. Ás persoas de clase alta gústalles que as fagan sentir como tal, e as clases baixas asumen o rol de ser prácticamente "lacaios" e bicarlles o cu. Por certo, neste país podería considerárseme clase alta, polo que en moitos aspectos recibo esa clase de trato. Xa tocarei este tema máis extensamente noutro post.
  • Choiva. Realmente non me queixo porque chova (veño moi acostumado de Compostela); quéixome da forma na que chove, a miúdo de forma torrencial. 1 minuto baixo esta choiva e parece que te meteras na ducha. En Galicia a maioría das veces podes camiñar baixo a choiva sen paraugas. Aquí non.
  • A falta de estacións. Non é algo que me pese de momento, pero intúo que botarei de menos as choivas e o florecemento da primavera que dan paso ó calor do verán; a caída das follas e o decrecemento das horas de sol do outono, as castañas e o frío do inverno, etc. Aquí os días sempre duran aproximadamente o mesmo: amence ás 5:00 e anoitece ás 18:00 e non hai cambios significativos na temperatura. Só hai dúas estacións: seca e chuviosa...
  • O himno tódolos días ás 18:00 en punto pola radio, o himno en calquera acto (conferencias, congresos), etc. O nacionalismo baseado nestes símbolos institucionais é un nacionalismo barato, ou así o vexo eu.
  • A música. En tódalas súas vertentes: nin bachata, nin salsa nin, por suposto o reggetón!
  • Pero o que menos me gusta son eu mesmo e no que me convirto ás veces. Vivir nun país coma este endurece o corazón. Aprendes a ver a pobreza ó teu redor e mirar para outro lado, negar axuda a quen a necesita, aceptar conductas inxustas como normais, deixar ó lado os principios de un por pura comodidade, etc. 

jueves, 22 de diciembre de 2011

Fin da primeira parte


Quen di que pasaron rápido? Para min estes 3 meses e medio foron intensos e pareceron anos... Pero acabou por chegar o momento de facer a maleta e voltar a Cangas para atoparme coa miña vida de sempre, ou o que queda dela...

Por diante pouco máis dunha semana para reencontrarme con familia e amigos antes voltar a este país, que tanto me deu e tanto me quitou, para pasar outros 8 meses nos que rir, chorar, coñecer, desfrutar, sufrir, sair, viaxar e, sobre todo, aprender máis sobre min mesmo.

Fin da primeira parte.

jueves, 15 de diciembre de 2011

Facer a compra en Colombia

5 quilazos de arroz

Facer a compra en Colombia non é barato. Aquí non hai un DIA% ou un Lidl no que comprar a prezos asequibles, e mercar nesta cidade é tan caro como facelo no Eroski ou no Froiz, para que vos fagades unha idea. Pero sempre hai formas de tratar de aforrar un pouco, como comprar os formatos económicos, que aquí son un pouco diferentes ós que estaba acostumado: arroz de 5 quilos, tomate frito de 1 quilo, etc.

Ademáis, aquí é moi característico o empaquetado en bolsa para o formato económico, e pódese atopar neste empacado cousas tan diferentes coma maionesa, vinagre, xabón ou mesmo auga.

1 quilo de tomate frito

Pero un dos meus favoritos é o xabón lavavaixelas en estado sólido, todo un descobremento. Mollas o estropaxo, pásalo polo xabón e xa estás listo para lavar. O mellor é que para este formato económico hai recargas; pódese mercar unha pastilla e metela no bote cando está baleiro... Eso sí que é rizar o rizo, un formato económico do formato económico!

 
Axion, o Fairy sólido




Na miña compra tampouco pode faltar algún producto local de cando en cando, por se dubidábades de que sigo sendo tan bo comedor coma sempre... As arepas son unha especie de tortas de millo, xeralmente inipidas ás que hai que botarlles algo enriba para darlles sabor. É un dos máximos expoñentes da comida tradicional colombiana; xa vedes, unha torta insípida... pero bueno, "a donde fueres haz (neste caso come) lo que vieres".


Arepas de millo



Viaxar en chiva hoxe en día

La Querendona, a nosa chiva

Esto xa foi hai case un mes, pero aínda non me dera tempo a publicalo... As chivas son os autobuses típicos de sudamérica, eses que imaxinamos circulando por estradas de terra imposibles ó borde de
precipicios cargados de vellas, galiñas, cans, etc. Coa sùa pintura de cores chamativas estes buses pasan por ser un dos elementos máis característicos desta zona.

Hoxe en día  en Colombia xa caeron en desuso, aínda que sí que vin unha chiva activa cando estiven en Taganga, botádelle unha ollada ás fotos. Agora algunhas chivas recuperadas gozan dunha segunda vida como discotecas ambulantes, así que viaxar nelas hoxe en día non che é o mesmo que hai anos... En Bogotá pódense alugar estes vehículos convenientemente tuneados (sen asentos, con equipo de música, etc.) para que te paseen pola cidade con reggetón a todo volume, facendo unha festa un tanto diferente e visitando algúns dos miradores naturais da cidade.

Te besé y te dejé un bebé
Aproveitando o aniversario de Eloy alugamos unha chiva para ver de qué ía o conto. Ó final resultou ser bastante divertido aínda que un pouco perigoso, xa que cos aceleróns e frenazos (unidos ás copas), quen máis quen menos levou algún golpe... 

"Comando chiva"

Facción galega do "comando chiva"

Sacando fotos coa nosa chiva

Fotos mentres posamos para outra foto
 E como era o aniversario de Eloy, pois aproveitamos para agasallalo cunha tarta en forma de chiva, aínda que pola cor pareza un taxi. Unha tarta para 30 persoas que ó final non conseguimos comer enteira. Menudo subidón de azúcar!

Tarta-chiva

Vista lateral

Eloy soprando as velas do seu 35 aniversario

Despedidas, despedidas, despedidas

Comando despedida

O peor de vivir nun lugar no que o 90% do teu irculo de amizades son estranxeiros coma ti e están de paso é que as despedidas acaban por converterse nunha constante. Hai un mes marchou Menchaca, a principios de decembro Javi, a semana pasada Inés, e hoxe mesmo marcharon Adolfo e Cris...

Heivos estrañar, pero verémonos en España tarde ou cedo. Boa viaxe!

Abrindo os agasallos de depedida

Unha foto do grupo enmarcada para que non se esquezan de nos...

miércoles, 14 de diciembre de 2011

A parte mala do Caribe

Innumerables picadas na perna esquerda

Pois o malo do trópico son os mosquitos. Ata agora tivera moita sorte nas miñas anteriores saídas e apenas me picaran, pero esta vez deixáronme feito un santo Cristo entre as formigas, os mosquitos e penso que tamén as pulgas ou algún outro insecto indeterminado. Metéronse unha boa festa de sangue guiri! Menos mal que estou vacinado de todiño...


Innumerables picadas na perna esquerda

20 picadas na man esquerda, 18 na dereita

martes, 13 de diciembre de 2011

Visita ó Caribe

Piscina do hostel Divanga

Como xa adiantaba onte, veño de pasar uns días no Caribe colombiano aproveitando que había outro día festivo que permitía tomarse unha fin de semana longa...

Este é o hostel no que nos quedamos en Taganga, un pobo minúsculo situado nunha bahía preciosa e que é moi concorrido polos amantes do buceo.

Cactus no tellado do hostel
Taganga é, para variar, un pobo feo e pobre. É unha pena ver o descoidado e atrasado que están os pobos e cidades do país. Apenas quedan cascos vellos (poden contarse cos dedos dunha man), e todo son edificios baixos de ladrillo, xeralmente descuberto e a medio acabar, cando non directamente chabolas. Unha pena. En Taganga, por exemplo, había só dúas rúas asfaltadas e o resto eran de terra e destrozadas polos regos de auga, porque cando aquí chove, chove a gusto.

Na rúa do noso hostel (pista de terra)

Casiñas de Taganga

Supermercado

Paseo marítimo

Bus típico colombiano (chiva)


De Taganga dirxímonos ó Parque Nacional Natural de Tayrona. Trasladámonos en lancha durante aproximadamente unha hora. A experiencia foi moi divertida / emocionante, xa que o traxecto é por mar aberto e acábase co cu destrozado de tanto chimpar no asento e empapado de romper as tremendas ondas caribeñas. O certo é que me esperaba un mar calmo, pero é que estou demasiado acostumado á ría, e ás veces esquezo que o mar aberto é bravo...
A foto de arriba tomeina antes de sair da bahía de Taganga, porque 2 minutos despois xa era imposible sacar a cámara por mor da auga que entraba e dos botes que pegabamos.


Zona de acampada do Cabo San Juan, no parque de Tayrona

O parque de Tayrona é un Caribe salvaxe, diferente do que esperaba. Non hai hoteis de 5 estrelas nin está moi masificado. De feito, as instalacións son bastante regulares (os baños eran pésimos), e o mar non estaba azul cristalino, senón completamente revolto polo mar de fondo. Aínda así, ten moito encanto, como podedes imaxinar...

Vexetación tropical

Papaias na árbore

Fulano podando unha palmeira
 Tivemos a sorte de que estaban podando as palmeiras do parque e baixando os cocos. O mellor de todo era que coas ramas tamén cortaban os cocos e non había máis que pedirlle a algún do persoal do parque que che abrira un co seu machete para beberlle a auga e comelo; gratis! Cousa rara, porque no parque cobraban todo a prezo de ouro...

Palmeiras
Para durmir había dúas modalidades: a) tenda de campaña, coma un camping de toda a vida ou b) hamacas.
Nós escollemos esta opción. Non podo dicir que sexa o máis cómodo do mundo, pero a pesares do que me custa durmir fóra da miña cama, o certo é que uiden durmir mellor do que esperaba.

Cabana das hamacas (sen paredes, para que?)

O meu "cuarto"
Que se pode facer no parque de Tayrona aparte de tomar o sol e bañarse na praia? Pois dar camiñatas pola selva. Sen dúbida, o máis gratificante de estar nun sitio así. No noso caso fixemos o camiño ás ruinas dunha cidade precolombina, xa que estas terras estaban poboadas pola etnia tayrona, que da nome ó parque antes de que chegaran os españois a dar polo saco.

Para darlle máis emoción, algúns optamos por ir descalzos, ó xeito indíxena. Só nos faltaba o taparrabos... Folga dicir que a camiñata pola selva paga moito a pena.

Listos para chegar ás ruinas de "pueblito"

Tramo fluvial do camiño de pueblito
Trekkng ó xeito indíxena (lástima non ter un taparrabos a man)

Casa reconstruida en Pueblito. O que ven sendo un castro pero en madeira...
 E despois da camiñata, un bo baño nunha praia deserta do Caribe. Non había un alma, tiñamos 500 metros de praia para nós!
Praia deserta
 Esta vez, a diferencia da Amazonía, sí que puiden ver algunha fauna salvaxe: pelícanos, unha iguana, ras de cores e mesmo unha "babilla" (cría de caimán) no medio dun barrizal. Lamentablemente, nunca tiña a cámara a man e os condenados dos bechos fuxen a fume de carozo...

Ás que sí puiden fotografar foron ás formigas, que había milleros por tódalas esquinas transportando follas sen parar. Tamén pillei a un sapo moi curioso que estivo un bo rato baixo a miña cama e algún cangrexo que pasaba por alí.

Carreiro de formigas vermellas
Sapo e cangrexo

Sapo en solitario

E así pasaron os días ata que chegou o momento de sair do parque e voltar a Bogotá. Pero en vez de sair andando optamos por sair a cabalo. Era a primeira vez que o facía e estaba bastante cagado, xa que non me fíaba moito, pero a experienca estivo xenial e repetirei en canto poida. O meu cabalo chamábase indio e tiraba bastante, aínda que non lle fixo moita gracia levar a miña maleta "trolley" colgada dun costado... Teño que mercarme un mochilón para estas cousas...


Iker Casillas

Indio, eu e a miña maleta (hai fotos mellores, pero non na miña cámara...)
 E despóis destes catro días cheguei ó aeroporto de Santa Marta con estas pintas:

Listo para facer o check in no aeroporto
Por se vos queda algunha dúbida, na costa do Caribe haiche moito calor e o corpo pídeche andar sen camiseta todo o día...

Outra mostra é a última foto desta tanda; nas rúas de Rodadero, un barrio de Santa Marta, de noite, sen camiseta, e coa decoración de Nadal das rúas... Resulta difícil asimilar que estou en decembro pero con tempo de pleno verán...

Nas rúas de Rodadero
E con esto remato por hoxe, que xa vai unha boa mostra de fotos e unha boa parrafada. Mañá paso á parte negativa, que tamén a hai...


lunes, 12 de diciembre de 2011

Unha vez máis: Bo Nadal



Despois de todos estes días sen escribir, quizáis algún de vos se preguntaba que andaba a facer.
Velaquí a resposta: bañándome no Caribe...

Non conseguín un gorro de Papa Noel para dar máis a nota, pero aínda así como postal de Nadal non esta mal, certo?

Unha vez máis, creo que esta foto tamén cumpre o propósito de dar envexa... Mañá máis!

Lugar: Parque Nacional Natural de Tayrona
Data: 11/12/2011
Temperatura: entre 25 e 30 graos...