Enlaces

sábado, 30 de junio de 2012

Erupción do Nevado do Ruiz


Hai pouco máis dunha hora entrou en erupción o volcán colombiano "Nevado del Ruiz". De momento só houbo unha explosión pero non hai indicios de ríos de lava, aínda que xa están en marcha os plans de evacuación para os pobos máis cercanos.

Nun día coma hoxe ven á memoria a traxedia de Armero, sucedida en 1985 a causa dunha erupción deste coloso que levou por diante a máis de 23.000 persoas e deixou a outras 5.000 feridas. Creo que todos lemabraredes este video coa agonía de Omaira...

Pola miña parte espero que non pase nada grave e que, cun pouco de sorte poida verse a columna de fume dende Bogotá, porque o volcán está a pouco máis de 150 quilómetros da cidade; pero para eso necesitaremos que mañá sexa un día despexado, e eso en Bogotá non é doado...

miércoles, 27 de junio de 2012

Ron en brick, nada máis que engadir

Ron en brick, un gran avance mundial
Hoxe pouco hai que dicir porque unha imaxe vale máis que mil palabras... O ron en brick é un deses estranos formatos que existen nos supermercados colombianos que tanto chaman a atención dos expatriados... quizáis os raros sexamos nós por usar o brick únicamente para os lácteos e o viño...

viernes, 22 de junio de 2012

Unha colombianada na Praza de Bolívar...

Fachada traseira do Capitolio
O prometido é débeda, chegou o momento de descobrir cal é a curiosidade máis importante da Praza de Bolívar...
Fachada principal do Capitolio
Cando construiron o Capitolio Nacional de Colombia cometeron un pequeno erro e construiron a fachada principal, que debería asomar cara a praza, na parte traseira e viceversa. É dicir, o que hoxe se ve na Praza de Bolívar debería estar no lado contrario e a fachada principal debería ser a que se ve na foto de arriba. Unha "colombianada" de primeira.

Aínda que ben pensado tampouco estrana tanto ver os políticos gardándose a mellor parte para eles e ensinándolles o cu ó resto do pobo, aínda que sexa o cu dun edificio...

lunes, 18 de junio de 2012

A Praza de Bolívar, o corazón de Bogotá

Capitolio Nacional, sede da Cámara de Representantes

No barrio da Candelaria, a zona vella de Bogotá, latexa o corazón desta cidade: a Praza  de Bolívar.

Pazo de Liévano, sede do concello de Bogotá

Nesta praza podemos atopar uns cantos edificios emblemáiticos da cidade: no costado oriental están a Catedral Primada, a Capela do Sagrario e o Pazo Arzobispal; no lado sur está o Capitolio Nacional, sede da Cámara de Representantes (deputados) da República; no costado occidental está o Pazo de Liévano, sede da alcaldía e, por último, no lado norte está o Pazo de Xustiza, sede da maxistratura do país.

Pazo de Xustiza

No centro está situada unha estatua de Bolívar, libertador do Virreinato de Nueva Granada, que comprendía as actuais Colombia, Venezuela, Panamá e Ecuador.

Lema do Pazo de Xustiza: "Colombianos, las armas os han dado la independencia, las leyes os darán la libertad", cita de Francisco de Paula Santander, outro prócer da independencia

A praza está sempre moi animada e ocupada por feirantes, buscavidas e turistas. É un dos lugares de inexcusable visita da capital e punto de partida e/ou final da maioría de percorridos turísticos pola Candelaria.

Catedral Primada de Colombia e Capela do Sagrario
Como curiosidade compre destacar que aquí nace a Carreira Sétima, unha das principais arterias da cidade e antiga Rúa Real. Nesta praza tamén tivo lugar un episodio importante da historia recente, a Toma do Pazo de Xustiza, un episodio xa menzoado de pasada no post sobre a visita de Rajoy. Outra curiosidade é que aquí é onde se grabou o videoclip de Señor Matanza, de Mano Negra.

Estatua de Simón Bolívar presidindo a praza

Quédame unha curiosidade máis pendente para mañá, pero é tan incrible que merece un post para ela soa...

domingo, 17 de junio de 2012

O mercado de pulgas de San Alejo

Mercado de San Alejo coa Colpatria ó fondo
 Os domingos e festivos ten lugar ó pé da Torre Colpatria o "Mercado de pulgas de San Alejo", un dos máis sonados da cidade.

Tamén se poden atopar vinilos no mercado para que estes aparellos non sexan inútiles de todo
 San Alejo está especializado en cousas de vello, aínda que tamén se poden atopar outros artigos novos coma posters, figuriñas "frikis" e outras cousas que non veñen a conto. Sobra dicir que todo o encanto deste mercadiño depende dos aparatos de segunda man.

Trapalladas
Resulta moi cómico pasear entre centos de aparellos que algunha vez tiveches na túa casa e dos que te desfixeches por inútiles, pero polos que algunha xente está disposta a pagar uns bos cartos... Estou seguro de que a maioría das cousas que se merquen aquí volverán acabar no caldeiro do lixo en canto os nostálxicos compradores fagan unha limpeza a fondo do seu trasteiro. Exemplo, quen pode querer unha cámara de fotos automática dos anos 90? (non unha reflex, unha cutre) Nin decora nin hai carretes á venda para elas...

Antigüidades
Compartindo espazo con moreas de cousas inútiles están expostas algunhas auténticas antigüidades que sí merecen chamarse como tal e das que se pode chegar a entender que teñan algún valor, aínda que exclusivamente decorativo, claro. Así, en San Alejo pódense mercar caixas rexistradoras, bicicletas, sillas de dentista, máquinas de coser e mobles restaurados así como reproductores de VHS, cámaras de fotos, reproductores de DVD (sí, xa se poden catalogar como antigüidade...), máquinas de escribir, reproductores BETA (en serio), teléfonos móviles, cargadores y un largo etcétera de tecnología obsoleta.

Ejemplo de una presentación nefasta de la mercancía
Estou seguro de que a miña vella Supernintendo (que a min xa me regalaran de segunda man) aquí tería un valor incalculable...

Santoral incompleto claramente, falta San Pancracio!... Ó fondo figuras "frikis"

Ó final piquei e merquei unhas moedas para agasallar ó meu pai polas que sospeito que paguei máis do que valían, pero realmente a cousa non foi grave en absoluto, e máis tendo en conta que neste país falar un castelán correcto (sen ánimo de ofender), eleva o prezo da maioría de transaccións...
Un morteiro! Apostaría algo a que aínda se podería utilizar...

En definitiva, San Alejo é un lugar axeitado para pasar unha mañá de domingo agradable sen máis pretensións que as de botar unhas risas lembrando aquelo que no seu día foron "gadgets" de última xeración e, de paso, espertar un pouco de morriña polos tempos pasados e concienciarse de que os anos non pasan en balde e que xa imos para vellos...

jueves, 14 de junio de 2012

Publicidade pura e dura

Algunha vez quixestes un bolso cun estampado de Cola Cao?

Despois de tantos meses escribindo sobre o que fago por estas terras xa estaredes cansos de ler cousas sobre min e este país, así que vouvos dar un descanso aproveitando que, por unha vez, teño algo interesante que contar...

Non hai dous iguais!
Quixera recomendarvos o blog que acaba de comezar hai uns días a miña irmá, que despois de pasar moitos meses no paro, por fin se decidiu a iniciar este proxecto ó que levaba tempo dándolle voltas. Dende aquí quero aproveitar para darlle folgos e desexarlle que todo saia mellor do que ela mesma imaxina. ÁNIMO E SORTE!

Outro deseño da miña irmá

Invítovos a que pasedes a cotío polo seu blog e, se vos gusta algo, xa sabedes, rascádevos o bolsillo. Os homes non vos fagades o sueco e entrade tamén, que quizáis atopedes algo para agasallar ás vosas mozas, nais, avoas, tías, curmás, amigas, amores platónicos ou á veciña do quinto... Aquí tendes o enlace (sí, outra vez):

martes, 12 de junio de 2012

Pablo Escobar, El Patrón


Os que me coñecen saben que nunca fun moi partidario das series de televisión, pero por fin dei cunha serie que me enganchou de cheo: Escobar, el patrón del mal.

Se a todos nós nos soa quen foi Pablo Escobar e algunhas cousas das que fixo, podedes imaxinar realmente ata que punto influiu na Historia deste país e ata que punto a súa sombra segue alongándose sobre Colombia case que 20 anos despois da súa morte.

Os 3 primeiros minutos do primeiro capítulo son memorables, empezando coa famosa grabación: "Que a mi nunca en la gran puta vida me coger; y que yo  desde la selva los mando matar a todos, que a la larga los que van a perder van a ser ellos"; e seguindo cun repaso dos seus magnicidios (un ministro, un candidato a presidente) e atentados (avión de avianca, coche bomba no Parque da 93 de Bogotá, sede do periódico El Tiempo, etc.).

Este home declarou unha guerra frontal contra o Estado e axeonllou a Colombia durante anos co fin de evitar a súa extradición ós Estados Unidos, deixando miles de mortos ás súas costas. Ó mesmo tempo, Escobar repartiu parte da súa fortuna (seica chegou a amasar a sétima maior fortuna do mundo) entre os máis desfavorecidos de Medellín, dándolle casa a milleiros de persoas que vivían nun vertedoiro, polo que segue a ser recordado con cariño e admiración por moitas persoas. Fixo tantos méritos para entrar no ceo coma no inferno...

Disque no seu enterro foi acompañado por 100.000 persoas. Eu non os contei, pero no seguinte video queda claro que non foron poucos os que choraron a súa morte e gritaron o seu nome ata que recibiu sepultura.


Dubido que existise na historia outra persoa que, sen ter sangue azul ou sen ter rango militar, fose capaz de marcar por sí soa a Historia dun país tan fondamente...

Na serie hai moitos personaxes cos nomes cambiados, supoño que por problemas legais, pero son clarísimamente recoñecibles: os irmáns Motoa (en realidade os irmáns Ochoa, cofundadores do Cártel de Medellin), o Mariachi (en realidade El Mexicano, tamén cofundador do cártel), Santorini (Santofimio, o padriño político de Escobar), etc.

Seguramente esta serie non signifique o mesmo para os que non estedes vivindo aquí, pero recoméndovola de tódolos xeitos. É sinxelo atopala en Internet, así que non perdades tempo para coñecer un pouco da Historia recente de Colombia a través dos ollos dun dos grandes viláns do século XX.

Para completar a historia d'El Patrón, tamén vos recomendo o documental "Pecados de mi padre", que narra a vida de Pablo e a do seu fillo, estigmatizado de por vida e condeado a vivir no exilio polos rivais do seu pai para evitar que se lle ocorrese buscar vinganza...


Para finalizar compre preguntarse... como é Colombia despois da morte de Escobar? Pois o tráfico de drogas multiplicouse, o tráfico de armas multiplicouse, a corrupción multiplicouse, etc. Ningún dos grandes males deste país desapareceu con él... Quizáis porque él non era o maior dos problemas, ou quizáis porque inxectou ben dentro do seu sistema o veleno dos seus negocios e a súa violencia. Quen sabe?

lunes, 11 de junio de 2012

O lago de Quilotoa

Lago de Quilotoa

A última das excursións que fixen en Ecuador foi a Quilotoa,  onde hai unha laguna dentro do cráter dun volcán apagado.

Asomando ó lago polo empinado sendeiro de descenso

Chegar a Quilotoa é barato e relativamente sinxelo (basta con coller un autobús dende Quito a Latacunga e dende Latacunga outro autbús ata Quilotoa) e barato (aproximadamente 7 dólares). Pero que sexa sinxelo non quita que sexa un desprazamento longo...

Unhas das paisaxes máis fermosas que nunca vin

Houbo que invertir unhas 6 horas para chegar e 5 para regresar a Quito, pero podo garantizar que a paliza paga a pena. Quilotoa é, sen dubidalo, un dos sitios máis fermosos que tiven a oportunidade de ver na miña vida.

O azul da auga de Quilota é espectacular

O único do que me arrepinto é de non ter quedado a pasar unha noite neste lugar para poder aproveitar a fondo algunhas das actividades que se poden  realizar no lago: paseos en lancha motora, en kaiak, a cabalo, a pé, etc.

Trazado do sendeiro para descender ata a beira do lago

Se algún día tedes a oportunidade de viaxar ata a capital ecuatoriana, non deixedes pasar a posibilidade de achegarvos ata este incrible cráter volcánico e baixar polo recén remodelado paseo que vai dende a aldea (apenas 10 casiñas mal contadas) ata a beira mesma da auga.
Águia sobrevoando os Andes

Quedoume a pena de non poder  ver a ningún cóndor sobrevoando esta zona da cordilleira andina, pero a cambio sí que había unha chea de águias, falcóns e gaviáns. De tódolos xeitos non perdo a esperanza de ver ó mítico cóndor nalgunha das miñas próximas excursións...

Dentro do cráter hai un hoteliño

E para rematar, unha recomendación para cando poidades achegarvos a Quilotoa, por se vos apetece pasar a noite alí; que saibades que hai un hoteliño dentro do cráter. Curioso, non sí?

martes, 5 de junio de 2012

Volcán Imbabura e laguna de San Pablo

O volcán Imbabura: 4.556 metros sobre o nivel do mar
Como dicía onte, Otavalo non é gran cousa, pero a pouco máis de media hora en autobús e 25 centavos de dólar, está o volcán Imbabura e a laguna de San Pablo, un lugar ben bonito ó que sí que paga a pena achegarse.

O volcán Imbabura ás miñas costas
O Imbabura está extinguido dende hai miles de anos, polo que non representa perigo algún e, certamente, non se diferencia gran cousa dunha montaña calquera. Aínda así, a un sempre lle fai ilusión saber que está diante dun volcán de máis de 4.500 metros de altura...

Á beira da laguna de San Pablo
Xusto ó pé do volcán está a laguna de San Pablo, que é bastante pequeniña (uns 3 quilómetros de longo) pero que conta cunha paisaxe preciosa en toda a súa contorna.

Os paseos en barca son un dos atractivos da laguna de San Pablo
Na laguna hai unha área de lecer onde poder comer, botar un partido de fútbol, voley (o deporte favorito dos ecuatorianos) ou simplemente estomballarse na herba a tomar o sol ou o fresco (a diferencia de temperatura é enorme cando de súpeto as nubes cobren o ceo).

Un menú curto pero típico
Precisamente nesta área de lecer desfrutei dunha das comidas máis auténticas da miña vida: un filete de tilapia (peixe pescado no lago) con choclo asado (millo), patacas, arroz e leituga nun sitio onde estaba completamente rodeado de ecuatorianos, sen ningún outro turista á vista en moitos quilómetros á redonda.


Comendo nun garito de domingueiros ecuatorianos
Todo esto por só 3 dólares bebida incluida, que non era pequena precisamente. En Galicia teríanme cobrado 3 euros só pola cervexa...

Lucindo o meu gorro de humahuaqueño
En Otavalo non tiven moitas ganas de mercar nada, pero nun sitio tan auténtico coma este non puiden evitar a tentación de mercarme un gorriño típico... Bueno, en realidade é típico do Perú, pero hoxe en dìa non hai fronteiras. O caso é que a min gustoume e merqueino...

Botando unha pachanga co traxe tradicional
Ningún ecuatoriano levaba un gorro coma o meu, pero sí que adoitan vestir cos seus traxes tradicionais, especialmente en zonas rurais coma esta. Así, non foi difícil ver a algunha ecuatoriana xogando ó fútbol co seu traxe tradicional. Supoño que sería de reglamento.

lunes, 4 de junio de 2012

Excursión en Ecuador: Otavalo

¡Como lles gustan na rexión andina os autobuses de cores!
Para retomar a viaxe a Ecuador falarei dunha das excursións que fixen alí: Otavalo. Este pobo está situado ó norte de Quito e é moi sonado polas súas artesanías. 2 dólares por unha viaxe de dúas horas é un bo prezo para achegarse a este pobo, pero sería mellor todavía se tivese algo de interese...
Posando cun autobús de Hino Motors
A viaxe comezou na estación de autobuses do norte de Quito (hai outra no sur), que está chea de buses de Hino Motors, unha das fábricas que tiven a oportunidade de visitar en Bogotá por motivos de traballo. Sabía que exportaban a meirande parte da súa producción a Ecuador, pero sorprendeume moitísimo ver ata que punto dominan o mercado deste país, xa que non menos do 80% dos buses ecuatorianos son desta marca.

Unha das rúas do mercado de Otavalo
Otavalo, como dicía antes, é un pobo moi sonado polas súas artesanías, pero en realidade pouco queda artesán no seu mercado, xa que todos os postos teñen as mesmas mercadorías, o que fai sospeitar (en realidade non se sospeita, senon  que se ten a certeza) que a producción artesanal hai tempo que foi desprazada pola producción industrial.

Paseando polo mercado de Otavalo
Aqueles ós que lles gusten os mercadiños poderán desfrutar mercando mantas, ponchos, alfombras, panos, pratos e todo tipo de cousas con motivos andinos. Aqueles ós que non lles gusten estas cousas é mellor que se aforren esta excursión. Ó final é posible atopar en Quito todo canto hai no mercadiño de Otavalo.

A praza de Otavalo
O pobo en sí non ofrece gran cousa: unha praza central bastante bonita e as súas curiosas farolas decoradas con iconas da rexión: colibríes, o volcán Imbabura, a súa igrexa, etc.

Decoración das farolas de Otavalo: un colibrí
Resumindo, Otavalo non é gran cousa, pero preto deste pobo sí que hai algunhas cousiñas máis que interesantes que me reservo para a próxima vez...

Decoración das farolas de Otavalo: o volcán Imbabura

Decoración das farolas de Otavalo: a igrexa do pobo

domingo, 3 de junio de 2012

Co uniforme de traballo


Traxe e cofia é a combinación que se levará na vindeira tempada primavera-verán

Debedes saber que ás veces tamén traballo... Acompañando a unha empresa de enxeñaría de Seguridade Industrial tiven a ocasión de visitar unha chea de empresas. En ocasións a sorte foi doble porque tiven a oportunidade de entrar en varias prantas de producción... todo un agasallo para min, que son Técnico superior en prevención de riscos laborais... Nunca pensei que fora a execer de algo medianamente relacionado con este tema, pero ás veces a vida sorpréndete. Eso sí, prefiro poñerme o casco nas siderúrxicas, empresas de automoción, etc. que poñerme a cofia e a bata nas empresas de alimentación...