Enlaces

Mostrando entradas con la etiqueta Colombia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Colombia. Mostrar todas las entradas

domingo, 14 de octubre de 2012

Día de Espuña


12 de outubro, Día da raza (aquí aínda conserva ese nome en lugar do Día da hispanidade), festa de rigor na Embaixada de España, e eu fun un dos invitados.

Resulta curioso que os españois teñamos máis importancia cando estamos fora que cando estamos dentro do noso país... Se estivese en Galicia non me terían invitado nin a unha recepción no meu concello, e se quixese asistir a un deses desfiles militares que se organizan para honrar a españolidade (que terá que ver unha cousa coa outra, pregunto eu...), tería que ter loitado por un sitio na primeira fila contra tódalas marujas do país; porén, aquí en Colombia sí me invitan a tomarlle uns viños e uns canapés co embaixador, cos máximos representantes do exército e a garda civil, cos xerentes das grandes empresas españolas, etc.

Terei que desfrutar destes privilexios mentres poida (como bo español sonche ben amigo das cousas gratis e dos gañotazos), que cando volva a España serei de novo un cidadán de segunda... Que cousas...

miércoles, 10 de octubre de 2012

Fartándome de roxóns

Ollo ó graxenta que está a bolsa!
Colombia, un gran país no que podes mercar roxóns auténticos en calquera tenda... Ñam ñam, esto sí que é boa alimentación! (e non a do avión da que falaba o outro día...).

O único que non boto en falta de Galicia (ademáis da choiva, claro...)

miércoles, 19 de septiembre de 2012

Máis comida colombiana: formigas culonas!

Adiviñas cal é o ingrediente principal da comida que fan aquí?
Na visita a Barichara aproveitei para probar un dos pratos típicos da rexión de Santander: as formigas "culonas". Certamente, o pimeiro que se atreveu a comer un bicho destes tiña que estar morto de fame; pero realmente, despois de comprobar que non saben a nada máis que a "churruscado", imaxino que o segundo, terceiro e seguintes que continuaron comendo este manxar (¿?) tiñan aínda máis fame que o valente pioneiro...

En fin, comer insectos é outra cousa menos que xa me queda por facer na vida.

Lingua e albóndegas en salsa de formiga culona, con abondosas formigas enteiras ademáis dalgunhas trituradas

lunes, 17 de septiembre de 2012

Carteis que se pode atopar un en Colombia

Lástima, eu que pensaba levar un fusil de asalto...
De cando en cando un pode atopar en Colombia carteis tan expresivos coma este... para rir ou chorar, depende...

martes, 11 de septiembre de 2012

Barichara, o pobo máis bonito de Colombia

Recuncho con encanto en Barichara
O lema de Barichara é que é pobo máis bonito de Colombia, e o certo é que non diría que minten... Ata o de agora é o pobo máis bonito e mellor conservado que vin neste país.

Outro recuncho con encanto
Situado a só 350 quilómetros de Bogotá, no departamento de Santander (nada que ver con Cantabria...), pero o traxecto en coche leva aproximadamente 7 horas, o que supón ao mesmo tempo a grande ventaxa e a grande desventaxa deste pobo. Por un lado, o que esté a tanta distancia temporal fai que a viaxe sexa un suplicio, circulando por unhas estradas tirando a malas con peaxes en cada esquina. Pero pola contra, esta distancia desincentiva á maioría dos domingueiros bogotanos, polo que cando un chega a Barichara atopa a paz e  a tranquilidade dun destino pouco masificado, polo que ó final a viaxe paga a pena para os valentes que se atreven a desafiar ás estradas colombianas.

O certo é que tódolos recunchos de Barichara teñen encanto!

Subxectivamente diría que me gustou máis Monguí, porque se me facía moito máis cercano, pero obxectivamente teño que recoñecer que Barichara é máis bonito e, ademáis conta cun clima moito máis apacible que o da miña vila favorita... Sexa como sexa, ambolos dous forman parte da rede de "pueblos con encanto" de Colombia, unha selecta escolma de tan só 10 pobos que conservan todo o encanto das súas raíces e da súa historia. Cos dous mencionados e xunto con Santa Fe de Antioquia, eu xa levo 3 visitados!

Andalucía? Non, Colombia
Rúas empinadas e calor, mala combinación, suei arreo!

Unha das rúas principais

A praza central

Dende un dos puntos máis altos de Barichara

Unha constante en toda Colombia, estatuas indicando por onde pasou Bolívar

A igrexa principal vista dende as aforas do pobo

Monumento das formigas "culonas", mañá máis información sobre o tema
 
BARTOLO, que lembranzas de Compostela! Curiosamente, non vin nin só punki

Tasca típica

Estamos en 2012? Non cho creo

sábado, 8 de septiembre de 2012

El Dorado

Praza central de Guatavita
Guatavita é unha das excursións obrigadas cando se visita Bogotá. Xa hai tempo que tiña ganas de facer esta escapada (dende que cheguei ó país), pero como era algo tan cercano e sinxelo de facer en calquera momento, pois foise pospoñendo a cousa ata hai un par de semanas, cando xa case cumpría o meu primeiro ano aquí. 

O cacique de Guatavita
O pobo de Guatavita é bonito, pero en realidade é "de mentira". A vila orixinal inundouse tras a construcción do embalse de Tominé, polo que o pobo actual é unha reconstrucción que só conta cun unas pocas décadas, así que a súa arquitectura e espírito colonial non son máis que un decorado.

Camiñando ata os 3.000 metros de altura para ver a laguna
O verdadeiramente interesante de Guatavita é a súa laguna, un lugar máxico onde naceu un mito universal: A lenda de El Dorado. Neste fermoso lago os muiscas facían un ritual consistente en tirar ouro e esmeraldas no seu interior como ofrenda ós seus deuses. A sona que acadou este ritual chegou a oidos dos exploradores españois, de xeito que diferentes conquistadores foron chegando a este lugar na busca das máis inmensas cantidades de ouro endexamáis vistas.

A primeira visión da laguna
Os españois foron os primeiros, pero non os únicos en chegar. A característica común a todos os que se interesaron por El Dorado era a cobiza, cobiza tal que os levou a drenar a laguna ata case desecala. De feito, as ribeiras orixinais da laguna estaban máis de 30 metros por enriba do que están na actualidade.

Guatavita, un fermoso decorado
A laguna ten unha cor verde que varía de intensidade ó longo do día dependendo da claridade e da posición do sol, podendo pasar dende unha cor verde oscura a unha cor esmeralda intensa en só uns minutos. A importancia simbólica deste lugar segue a atraer hoxe en día a indíxenas de zonas lonxanas para faceren os seus rituais e peticións ós deuses (pero creo que xa non botan ouro...).

Guatavita na tardiña
Situado a só unha hora e media en bus dende Bogotá (máis unha hora a pé ata a laguna), Guatavita é, como dicía ó principio, unha das excursións imprescindibles cando se visita a capital colombiana, coa ventaxa de que realmente non é un destino masificado.

A laguna de Guatavita

Uns iluminados meditando diante da laguna

jueves, 16 de agosto de 2012

Monguí, o meu pobo favorito de Colombia

Paseando por Monguí en boa compaña
Chegou a hora de rematar con Boyacá, aínda que sigo sen ter tódalas fotos que quixera. A viaxe rematou en Monguí, un pobo situado no medio dos Andes, afastado de todo e onde, por fortuna, aínda se conserva un espírito do máis auténtico e que se converteu rápidamente e sen lugar a dúbidas no meu pobo favorito dos poucos que levo visto no país.
Colombia auténtica
Monguí é todo o contrario ó que vos imaxinades de Colombia, non ten nada de exótico. Non é máis ca unha pequena aldea onde a xente te saúda ó pasar, onde acodir a misa é o principal acontecemento semanal, onde te podes atopar a toda a mocidade do pobo con só dar un paseo de 10 minutos polas dúas cantinas que hai. Completan o panorama un clima coma o do outono galego e un ambiente eminentemente rural que semella moito máis a unha aldea galega que a un pobo caribeño, de non ser polas intensas cores das súas casas. Podería ficar aquí unha longa tempada, afastado de todo, non me cabe dúbida. 
As miñas pelotas
Para rematar, unha anécdota ben curiosa. Este pobo é a capital da fabricación de balóns do país, así que non puiden resistir a tentación...

Tanta é a importancia que ten a fabricación de pelotas en Monguí que lle ergueron un monumento ós pioneiros do sector, que alá polos anos 30 ensinaron a coser balóns ós campesiños, creando da nada unha industria que perdura ata o día de hoxe. Estes pioneiros eran Manuel e Froilán Ladino Agudelo.

Froilán, Agudelo... Vese que non son o único galego ó que lle gustou este pobo o suficiente como para quedarse.



lunes, 13 de agosto de 2012

A laguna de Tota

Navegando pola laguna
Aínda non conseguín reunir o resto das fotos da viaxe por Boyacá (á miña cámara acabóuselle a batería a metade de excursión), polo que non dipoño de tódalas fotos que quixera para ilustrar a visita á laguna de Tota... Esto é todo do que teño polo momento...


Primeiro mirador que atopamos sobre a laguna, pagou a pena chegar ata aquí
A laguna de Tota é o lago máis grande do país e na súa ribeira atópase a praia natural de area branca máis alta do mundo, xa que está situada a 3.015 metros sobre o nivel do mar. Como podedes imaxinar, ó estar a tanta altura, nesta praia pódese facer de todo menos tomar o sol, porque hai un frío de carallo. Bañarse tampouco semella ser unha gran idea pero...

Desfrutando do día de praia no chiringuito
...ben mirado, son galego demáis como para que un pouco de vento frío e auga ben fresca me arreden de darme un bo baño nesta paraxe tan semellante ás fermosas rías galegas. Polo tanto, non desaproveitei a oportunidade de me bañar na praia de area máis alta do mundo; agora xa me queda outra cousa menos por facer na vida.

Vaia corpo xeitoso que teño!
Por certo, visto o corpo que se me está a quedar cos anos, deste mes non paso sen apuntarme ó ximnasio para poñer cada cousa onde ten que estar.



(O video non é meu, pero pódese apreciar a beleza da paisaxe e as semellanzas coas rías).

miércoles, 8 de agosto de 2012

Que a Virxe do Carme me ampare!

Altar á beira dunha estrada boyacense
En Colombia existe unha grande devoción pola Virxe do Carme que, oh sorpresa, aquí é a patroa dos condutores, non dos mariñeiros. A que se adicará aquí San Cristovo? Nin idea, pero co conto busquei un pouco e resulta que o pobre Cristovo é un santo de segunda, cuxo culto non é obrigatorio porque a propia Igrexa ten dúbidas sobre a súa existencia histórica (manda carallo!). Mal vamos en España encomendándonos a un santo que nunca existiu cada vez que collemos o coche...

O caso é que para que a Virxe do Carme se ocupe adecuadamente dos condutores colombianos (que xa sabemos que os santos sonche un pouco interesados), erguéronlle ás beiras das estradas moreas de altares de tódolos tamaños, formas e cores. Este exemplo é o máis espectacular de todos cantos vin, con carro incluido, para que non se esqueza da razón pola que lle puxeron a estatua. Todo un monumento.


martes, 7 de agosto de 2012

Comida típica colombiana: o ajiaco

Un dos restaurantes típicos da zona vella de Bogotá, moi recomendable
A gastronomía colombiana non é ningunha marabilla... Os pratos son pouco elaborados en xeral e consisten en alimentos cociñados aparte, polo que apenas xogan coa mistura de sabores durante a preparación. No día a día o común é comer arroz en branco (este non falla nunca) con carne de vaca ou polo (á prancha), ensalada (moitas veces ensalada con froitas e con herbas que descoñezo porque a "nosa" ensalada de leituga e tomate non abonda por aquí), patacas (fritidas, asadas, ó forno), feixóns, etc. Todo preparado por separado e servido no mesmo prato. O certo é que é moi nutrtivo, pero acaba sendo monótono... Aquí non teñen tanta variedade de receitas coma nós. así que apenas preparan guisos nos que os sabores se complementan e potencian. Con isto non quero dicir que en Galicia non se cociñe moitas veces algo sinxelo, como pode ser un bistec con patacas ou arroz, pero de cando en vez hai cocido, estofado, guiso... Aquí eso non é tan común, e moito menos nos restaurantes de menú do día.

Saíndose desa tónica xeral, existen algunhas honrosas excepcións que destacan dentro da gastronomía colombiana, coma o "ajiaco santafereño". Este prato típico de Bogotá leva diferentes tipos de patacas, millo, alcaparras, tona, polo esmiuzado, etc.; e sérvese acompañado de arroz en branco (non podía faltar, aquí cómese máis arroz que na China) e aguacate. Unha auténtica delicia!

Ajiaco santafereño completo

domingo, 5 de agosto de 2012

Parabéns Bogotá polos teus 473 anos!

Construtores
Este 6 de agosto Bogotá fai 473 anos e hai que celebralo! Os primeiros eventos conmemorativos deste acontecemento tiveron lugar esta fin de semana, pero estenderanse todo o mes: desfiles, concertos, habiliación dunha praia no Parque Simón Bolívar, etc.


Espigas de millo danzando
Hoxe celebrouse o desfile de comparsas das 20 localidades que compoñen Bogotá. É curioso, pero este desfile é o máis parecido ó entroido que vin nesta cidade, porque o entroido nas datas tradicionais non ten seguemento.

Feixes de ladrillos
No desfile houbo moita referencia á construción, ás colleitas, a criaturas fantásticas e animais e vexetación exótica. Todo moi pagano e con moito sentido para un aniversaro dunha cidade coma esta. Por outra banda, tamén desfilaron algunhas comparsas disfrazadas de alieníxenas, paiasos e outras cousas ás que, sinceiramente, non lles atopo moito sentido para un evento destas características, que non é un entroido (aínda que poida parecelo).

O brasileiro este desfrutou máis que en Río
Teño que dicir que me gustou moito ver tanta cor, tanta ledicia, tantas coreografías máis ou menos vistosas e tanta percusión e música de vento (algunha moi tropical, outra, sorprendentemente, moi balcánica; desfrutei moito coa comparsa de Usaquén, que apareceu tocando Kalashnikov!). O certo é que pasei un bo anaco con este desfile. Tamén desfrutou o brasileiro da foto, que non parou de tirar fotos en ningún momento; eu creo que desfrutou máis deste espectáculo que dos famosos carnavais do Brasil...


Zancudos caracterizados de bestas fantásticas
Durante unhas horas desfilaron polo centro da cidade comparsas, xigantes e cabezudos; que polo que vexo, son garantía de éxito en calquera recuncho do mundo (aquí trunfan especialmente os zancudos, non había comparsa que non levase entre un e un cento deles).

Cabezudos, un clásico
Tamén sacaron de paseo a algunhas mozas sen xustillo, que eso tamén é unha garantía para manter o interese, o meu polo menos...

Carroza con mozas en pelotas. Pagou a pena vir

Bolívar non podía faltar

Maqueta de Bogotá

Paisanos que veñen de facer a colleita

Ents!

Colleita móvil

Colombianos de diferentes épocas danzando

Xilofonistas, como no exército!


Loros trompetisas que ían tocando Kalashnikov, de Goran Bregovic. Boísimo!

Mozas desfrazadas de moedas sexy (apretadas e cunha perna ó aire), Colombia é así