Enlaces

Mostrando entradas con la etiqueta Boyacá. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Boyacá. Mostrar todas las entradas

jueves, 16 de agosto de 2012

Monguí, o meu pobo favorito de Colombia

Paseando por Monguí en boa compaña
Chegou a hora de rematar con Boyacá, aínda que sigo sen ter tódalas fotos que quixera. A viaxe rematou en Monguí, un pobo situado no medio dos Andes, afastado de todo e onde, por fortuna, aínda se conserva un espírito do máis auténtico e que se converteu rápidamente e sen lugar a dúbidas no meu pobo favorito dos poucos que levo visto no país.
Colombia auténtica
Monguí é todo o contrario ó que vos imaxinades de Colombia, non ten nada de exótico. Non é máis ca unha pequena aldea onde a xente te saúda ó pasar, onde acodir a misa é o principal acontecemento semanal, onde te podes atopar a toda a mocidade do pobo con só dar un paseo de 10 minutos polas dúas cantinas que hai. Completan o panorama un clima coma o do outono galego e un ambiente eminentemente rural que semella moito máis a unha aldea galega que a un pobo caribeño, de non ser polas intensas cores das súas casas. Podería ficar aquí unha longa tempada, afastado de todo, non me cabe dúbida. 
As miñas pelotas
Para rematar, unha anécdota ben curiosa. Este pobo é a capital da fabricación de balóns do país, así que non puiden resistir a tentación...

Tanta é a importancia que ten a fabricación de pelotas en Monguí que lle ergueron un monumento ós pioneiros do sector, que alá polos anos 30 ensinaron a coser balóns ós campesiños, creando da nada unha industria que perdura ata o día de hoxe. Estes pioneiros eran Manuel e Froilán Ladino Agudelo.

Froilán, Agudelo... Vese que non son o único galego ó que lle gustou este pobo o suficiente como para quedarse.



miércoles, 8 de agosto de 2012

Que a Virxe do Carme me ampare!

Altar á beira dunha estrada boyacense
En Colombia existe unha grande devoción pola Virxe do Carme que, oh sorpresa, aquí é a patroa dos condutores, non dos mariñeiros. A que se adicará aquí San Cristovo? Nin idea, pero co conto busquei un pouco e resulta que o pobre Cristovo é un santo de segunda, cuxo culto non é obrigatorio porque a propia Igrexa ten dúbidas sobre a súa existencia histórica (manda carallo!). Mal vamos en España encomendándonos a un santo que nunca existiu cada vez que collemos o coche...

O caso é que para que a Virxe do Carme se ocupe adecuadamente dos condutores colombianos (que xa sabemos que os santos sonche un pouco interesados), erguéronlle ás beiras das estradas moreas de altares de tódolos tamaños, formas e cores. Este exemplo é o máis espectacular de todos cantos vin, con carro incluido, para que non se esqueza da razón pola que lle puxeron a estatua. Todo un monumento.


domingo, 29 de julio de 2012

O tamal, un almorzo de campións

Tamal boyacense

O tamal é un plato típico que se consme, con algunhas variacións, na meirande parte de América Latina. Un tamal consiste nunha mistura de arroz, carnes e legumes que varía moito dependendo da rexión que ven envolto en pequenos paquetes. A envoltura está feita de follas non comestibles que tamén varían moito dependendo da rexión; en Colombia, por exemplo, emprégase folla de banano, pero noutros países faise con follas de millo, aguacate, etc.

O da foto é un tamal boyacense (típico da rexión de Boyacá), que leva arroz, garbanzos, roxóns, carne de polo e de vaca, cenoria e algún que outro ingrediente máis non teño identificado.

Este foi o meu almorzo en Jenesano, unha forma inmellorable de comezar un novo día!


miércoles, 25 de julio de 2012

A batalla do Pantano de Vargas


O monumento máis grande de Colombia
Boyacá é a rexión onde se decidiu a independcia de Colombia, de feito, o propio Simón Bolívar nomeuna "cuna y taller de la libertad".

Chaira onde se librou a batalla do Pantano de Vargas
Un día coma hoxe de 1819 librouse no Pantano de Vargas unha das batallas máis decisivas da campaña iniciada por Bolívar dende Venezuela e que deu como resultado a liberación do virreintato de Nueva Granada, que comprendías as actuais Venezuela, Colombia, Panamá, Ecuador e Costa Rica, ademáis de zonas de Perú, Brasil e Guyana.

Cerro dende o que Bolívar dirixiu a batalla
A batalla do Pantano de Vargas estivo totalmente inclinada do lado español e nada facía pensar nunha derrota; porén, a última hora, coa noite prácticamente enriba, o Coronel Rondón acompañado por 14 lanceiros a cabalo iniciaron unha carga que cambiou o signo da batalla e da guerra. Un golpe de xenio e unha boa dose de sorte que serviron de agasallo a Bolívar polo seu aniversario, que fora o día anterior. Hoxe en día estes lanceiros son considerados heroes da patria e na súa honra ergueuse o monumento máis grande de Colombia.


En primeira liña de batalla
Doce días despóis da batalla do Pantano de Vargas tivo lugar a batalla definitiva, tamén en Boyacá, desta volta cunha victoria máis sinxela para o bando "patriota" liderado por Bolívar. Tras esa derradeira victoria o camiño a Bogotá quedou libre e o Imperio español perdeu para sempre o goberno sobre esta ampla rexión latinoamericana.


martes, 24 de julio de 2012

Jenesano


Que lindo! Por certo que sí!
 A primeira parada da excursión por Boyacá foi Jenesano, un deses pobos tan pequenos que non saen nas guías turísticas, pero que paga a pena coñecer.

Parque principal de Jenesano
O maior atractivo deste pobo é a praza central (en Colombia dise "parque principal",  porque a praza é onde se merca....), onde destacan a impoñente igrexa e a casa do concello, que están moi ben acompañadas por lindas casiñas de paredes brancas e fiestras e balcóns verdes.

Casa do concello
Jenesano é un pobo tranquilo, tan tranquilo que apenas hai movemento polas rúas... Nós chegamos ás 7:15 da tarde e xa non quedaba un alma, ata que comezou a festa...

Casiña no parque principal

Deu a casualdade de que o día que pasamos en Jenesano tocaba unha orquesta (de tres persoas) nun dos bares do pobo, así que houbo festa rachada para a multitude (unhas 50 persoas) que se achegaron a desfrutar do evento. Xuraría que esta verbena foi a maior festa de todo o ano por detrás das festas patronais... As rapazas do grupo desfrutaron especialmente xa que os jenesanos non deixaron pasar a oportunidade de sacalas a bailar tantas veces como puideron. Todo un espectáculo.

Monumento en honra dos muiscas
Na praza do pobo tamén se atopa un monumento de dubidoso gusto en honra da cultura muisca, que eran os poboadores da rexión central de Colombia cando chegaron os españois. Básicamente, pódese dicir que eran eses ós que lle roubaron o ouro a cambio de espellos... Os creadores da lenda de "El Dorado".

Parella de muiscas
Nun cartel situado ó lado do monumento fachendéase de que é o máis bonito de toda Colombia e que pronto será considerado unha das marabillas da humanidade... Ó colombianos gústalles esaxerar un pouco...

O monumento en detalle
Jenesano non é máis que unha fermosa praza principal e catro rúas con moito encanto, pero eses contados atractivos foron suficientes para deixarme coa boca aberta. Colombia rural de auténtica, sitios que de verdade paga a pena visitar.

Parece que as muiscas xa coñecían a silicona...

Uns cocodrilos moi inquietantes forman parte do monumento

Estela muisca

Paisano jenesano

Rúa de Jenesano

A igrexa dende lonxe

Outra rúa

Camiño do cemiterio

Casa jenesana

O río que atravesa Jenesano. Ollo cos desaugues, que verquen directamente no río

A misa é o acontecemento e punto de encontro semanal

Autobús escolar

Inspiración Tropicana, todo un acontecemento!

Vista interior da igrexa

Orixinal decoración no teito da igrexa

Unha curiosidade: cada elemento da igrexa ten unha placa co nome do doante

Casa da cultura de Jenesano


lunes, 23 de julio de 2012

Lembrando Galicia

Unha paisaxe galega no corazón de Colombia

Vacas, galiñas e arcolitos... Galicia? Non, Boyacá, un departamento colombiano que queda a tiro de pedra de Bogotá polo que estiven viaxando durante esta fin de semana. Un pouco de morriña e coñecer un pouco da colombia rural máis auténtica era xusto o que necesitaba despois dun tempo sen sair da cidade... Nos próximos días irei publicando algunhas fotiños destes lugares que tanto me lembraron á miña terra.