Enlaces

Mostrando entradas con la etiqueta La Paz. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta La Paz. Mostrar todas las entradas

martes, 13 de noviembre de 2012

La Paz dende os seus miradores

La Paz dende o mirador da autopista

La Paz a pé de rúa non é fermosa, como xa dixen, pero dende arriba sí que é todo un espectáculo. A cidade conta con numerosos miradores dende os que asombrarse coa tolemia urbanística que ocupa todo o val e as montañas que o rodean.


La Paz dende lonxe, impresionante
Quedei abraiado mirando as montañas nevadas que asoman sobre a cidade dende o mirador de Kili Kili e dende os miradores da autopista, aínda que o día que subín estaba algo anubado e non se apreciaban en todo o seu esplendor os cumios da Cordilleira Real.

Illimani cuberto de nubes dende o mirador Kili Kili
O máis impresionante de tódolos nevados e o Illimani, un monstro de 6.462 metros de altura visible dende toda a cidade, pero cando subín ao mirador as nubes tapaban esta montaña especialmente, tal e como se ve na foto de arriba. Porén, cando baixei as nubes disipáronse e quedei parvo coa impresionante imaxe deste becho. Na foto de abaixo vese o Illimani tal e como se divisa dende o centro da cidade. Certamente causa impresión.
Illimani dende o centro de La Paz
No seguinte video pode verse a panorámica completa da cidade dende El Alto.



Admirando a cidade co Illimani ao fondo

Vista do sur da cidade, unha zona completamente desértica

A pesares de ser unha quinta parte de Bogotá, La Paz vese inmensa

Detalle da zona moderna

Á esquerda o Huayna Potosí, outra das montañas emblemáticas de La Paz

Outro nevado da Cordilleira Real asomando sobre a cidade

O Huayna Potosí máis de preto

La Paz, un enclave impresionante

lunes, 12 de noviembre de 2012

Unha gran idea de negocio

Hai que valer para todo
Que gran idea de negocio atopei en La Paz: unha tenda de roupa - dentista. Creo que en Cangas aínda non temos ningunha. Este fulano vale para un roto e para un descosido, é un auténtico xenio.

La Paz, un mercadiño ambulante

Venda de artesanías nas rúas turísticas
La Paz, ao igual que o resto de cidades latinoamericanas que tiven a oportunidade de coñecer ata o momento, é un auténtico mercadiño ambulante... Unha das partes máis curiosas é o "mercado das bruxas", no que se venden multitude items estranos entre os que destacan os fetos de llama... Realmente non sei que conxuros se poden facer con todas estas cousas, pero prefiro quedar na ignorancia... Na zona vella están os mercados de artesanías para turistas, pero a medida que un se alonxa pode atopar todo tipo de cousas: piratería (dvd's, cd's, etc.) a unha escala moito maior da imaxinable, mobles, comida, etc. En La Paz non atopei un só supermercado, todo son tendas pequenas na rúa ou nos mercados de toda a vida, algo que xa non se ve en Galicia dende hai moitos anos...

Cholita chamando dende un quiosco
Outra cousa curiosa é que non hai cabinas. Todos os quioscos dispoñen de teléfonos fixos para poder facer chamadas (algo parecido sucede en Colombia, teño pendente escribir sobre eso...).

Congreso de Bolivia
En resumo, La Paz é unha cidade con grandes carencias visibles a simple vista; un casco histórico en condicións bastante mellorables e outras eivas, pero realmente ten algo especial que a fai atractiva e que ao camiñar polas súas rúas me sentise moi cómodo. A min gustoume moito.

Camiñando por unha rúa paceña

Rúa do casco vello cunha aberración de ladrillo ao fondo

Mirando as tendas de artesanías

Tenda para bruxas con materiais estranos...

Fetos de llama á venda na rúa

Outro posto de artesanías

Admirando a cidade

Outro mercadiño ambulante, hai un cada dúas rúas aproximadamente

Paseando por unha rúa da zona vella

Militares gardando a sede do Goberno

Posando diante da catedral

Praza Murillo, o corazón de La Paz

domingo, 11 de noviembre de 2012

La Paz a pé de rúa, primeiras impresións de Bolivia


Destino: La Paz
Chegou o momento de volver a sair de Colombia por un anaco, esta vez rumbo a Bolivia para achegarme un pouco máis de preto á América andina máis profunda...

O habitual en La Paz é atoparse coas "cholitas", vestidas ao xeito tradicional
O primeiro punto de contacto con Bolivia foi La Paz, a cidade máis coñecida e capital de facto do país, aínda que a capital oficial sexa Sucre.

O caos da distribución eléctrica é unha característica común nos países que levo visitado
Bastan uns minutos na cidade para caer na conta da situación de atraso (con respecto aos cánones occidentais) que vive Bolivia. A impresión xeral que transmite a cidade é a decadencia, semella que daquí a 50 anos tódolos edificios antigos caerán derrubados pola acción do tempo e a falta de mantemento.
Aspecto de boa parte do centro de La Paz
A zona "moderna" da cidade está composta por edificios dos setenta e oitenta, polo que parece que a modernidade pasou por La Paz hai moito tempo pero que non ficou e que deberá seguir agardando polo momento axeitado para dar o paso adiante que precisa.
Liceo de señoritas
As edificacións novas construidas con ladrillo abondan, pero esto non significa progreso nin moito menos. Os edificios novos están a medio rematar, incluso no centro histórico, onde sustitúen sen pudor ás vellas casas coloniais de adobe (material de pobres), de xeito que o feísmo e a falta de respeto polo antigo danlle a esta zona un aspecto descoidado e caótico.
Rúa de La Paz
Polo tanto, a beleza da súa zona antiga non é un dos atractivos da cidade, como sucede en Quito, que en materia de conservación ven sendo todo o contrario a La Paz. Ata agora a miña impresión era que Bogotá tampouco destacaba pola conservación do seu centro histórico, pero visto o visto, teño que admitir que non está tan mal (teño pendente escribir no blog sobre o barrio da Candelaria de Bogotá, que a estas alturas non teño perdón por non tervos amosado a parte máis bonita desta cidade...).
Praza de San Francisco
La Paz está ubicada nun val nunha zona ben alta dos Andes, cunha altura variable: 3.600 metros sobre o nivel do mar na zona histórica, 3.100 metros na zona sur e 4.100 metros nas zonas máis altas. Polo tanto, ten uns desniveis de 1.000 metros entre unhas partes e outras, así que podedes imaxinar as empinadas costas que hai que superar para desprazarse pola cidade (peor que Vigo)...
Unha fermosa praza de La Paz
Este desnivel fai que dende o centro sexa unha constante ver ao fondo ladeiras poboadas de casas apretadas unhas a outras que dan unha composición urbana moi característica á cidade.
Edificio oficial coas dúas bandeiras de Bolivia, a tradicional e a Wiphala, que representa aos pobos indíxenas e que foi recuperada polo goberno de Evo
 Queda moito que contar e moitas fotos que amosar, pero por hoxe é suficiente.

Igrexa na zona colonial
Basílica de San Francisco, unha das principais igrexas da cidade

Rúa empinada, unha constante en La Paz

As zonas altas, sempre visibles, evidencian os fortes desniveis


Desfile de comunidades tradicionais

Máis desfile

Placa da rúa de Sanxenxo...

Sempre me chama a atención a decoración exótica das igrexas de América Latina, neste caso piñas (ou moras, non me queda de todo claro)

A zona nova de La Paz, que xa non é tan nova...

As rúas de La Paz están cheas de poemas e citas que aluden á cidade