Enlaces

Mostrando entradas con la etiqueta Antioquia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Antioquia. Mostrar todas las entradas

lunes, 16 de abril de 2012

Murais para reflexionar

Pouca arte, moita mensaxe

Hai un tempo publicaba algunhas fotos dos murais que decoran as paredes de Bogotá, algúns desles dunha calidade incrible...

Porén, nun dos barrios pobres de Medellín atopei un muro completamente cheo de graffities que, aínda que non destacan pola calidade do debuxo, sí que invitan á reflexión e reflicten a face menos agradable deste país.

"Desprazados baixo a chuvia" - En honra de tódalas persoas que perden todo o que teñen por culpa das chuvias torrenciais que arrasan con todo.

"Nacín libre" - Sumisión da muller nunha sociedade abertamente machista.

"Homenaxe ás vítimas do conflicto" e "Sempre nos nosos corazóns" - A primeira lenda non deixa llugar a dúbidas.

"Non máis violencias sexuais" - Nada que explicar.

"Cambio minas por esperanza" - Colombia é o segundo país do mundo con máis minas antipersoas sementadas... As minas causan deceas de amputacións e mortes de inocentes cada ano nalgunhas das zonas rurais do país.

viernes, 13 de abril de 2012

Paseo a cabalo por Singapur

Todo un experto xinete

Última tanda das vacacións de Semana Santa: un paseo a cabalo pola Facenda Singapur.

Vistas da Facenda Singapur

Esta foi a segunda vez que montaba a cabalo e foi incluso mellor que a primeira no Parque de Tayrona. As vitsas son espectaculares e non hai ningunha casa en quilómetros á redonda; todo un auténtico luxo...

Vadeando un río

O certo é que pasear a cabalo é unha auténtica marabilla, xa que eles suben e baixan as costas, afúndense nos charcos e vadean os ríos en lugar de un...

A que parezo un dos de Pasión de Gaviláns?

Tras 3 horas de percorrido acabei coas pernas e o lombo desfeitos porque o certo é que non é un exercicio ó que esté moi afeito. A dicir verdade non estou afeito a ningún tipo de exercicio, así que é normal que acabe baldado despóis de cada sesión de calquera cousa que sexa esixente físicamente... Aínda que creo que me podería acostumar a esto e converterme nun auténtico vaqueiro... (Risas)

A piques de asaltar a dilixencia

O mellor deste paseo foi que puiden moverme con liberdade, xa que na vez anterior había un camiño estreito como única alternativa para avanzar. Esta vez, en cambio, había amplas pradeiras chas onde poder cabalgar coma un auténtico experto.

Desfrutando do paseo ecuestre

Despóis desta sesión podo dicir que xa perdín todo o medo inicial que lle tiña a montar nestes animaliños. É moito máis sinxelo e menos inseguro do que eu pensaba. En canto poida repito!

jueves, 12 de abril de 2012

Animaladas de Semana Santa


Loro sen pico superior

Como dicía onte, durante a Semana Santa aparte de descansar e aprender que as piñas non crecen nas árbores, tamén puiden ver unha chea de animaliños, uns máis bonitos que outros, a verdade...


Vacas con enormes orellas

Estas son algunhas das vacas de Singapur. Non me lembro da raza, pero son moito menos xeitosas que as frisonas ou as rubias galegas. Estas son chepudas e teñen unhas orellas ENORMES.

Búfalos
Nesta zona tamén se crían Búfalos e pódese comer a súa carne nos restaurantes da zona. Lamentablemente chegamos de noite e estaba todo pechado, así que terei que agardar a outra ocasión para probala.

Iguana trepando
Pero entre tódolos animáis que vin hai que destacar que as iguanas foron as que máis me chamaron a atención. Estes lagartos son grandes de carallo! O que non sabía é que as iguanas, como os camaleóns, camúflanse no entorno. Na foto de arriba pode verse a unha iguana na súa cor natural rubindo a unha árbore. Na foto de abaixo, pola súa parte, pode verse outra iguana camuflada na copa dunha árbore.

Aínda que son uns bechos ben feos gustáronme bastante, será por aquilo de que non se ven animáis exóticos ceibes tódolos días...


Iguana camuflada

miércoles, 11 de abril de 2012

Semana Santa en La Dorada e Singapur

La Dorada

Pouco faltou para ter que me quedar en Bogotá durante a Semana Santa, pero por sorte saiume un plan de última hora e puiden coñecer un pouco máis deste país...


Virxe á beira do río Magdalena en La Dorada

Desta vez tocou viaxar ata La Dorada, un pobo situado a unhas 3 horas e media de Bogotá en coche se hai sorte. Con mala sorte, coma na viaxe de volta, a cousa pode pasar das 6...



Virxe en San Miguel, Antioquia

Como en Galicia, en Colombia tamén son típicos os petos de ánimas e as imaxes de santos nas encrucilladas. Non chegan ó nivel dos cruceiros de Galicia, pero como estabamos na Semana Santa, pois tireille unhas fotiños a algunhas.


Ventiladores no mercado de La Dorada

La Dorada é terra quente, demasiado quente para min... Para demostrar o calor que hai deixo a foto de arriba, na que se ven ventiladores no mercado do pobo...


Río Magdalena ó seu paso por La Dorada
La Dorada foi só o comezo da viaxe. A seguinte estación foi a Hacienda Singapur, que é a finca dunha amiga colombiana.

Benvidos a Singapur

Singapur é unha facenda gandeira de 2.000 hectáreas aproximadamente que ten máis cabezas de gando das que eu podería contar...



Piña

Alí pasei uns días plenamente entregado ó descanso, pero tamén teño que admitir que foi unha fin de semana ben didáctica: aprendín a xogar ó Rummy-Q e ó tridominó e tamén aprendín que as piñas non crecen en árbores senón nun arbusto a ras de chan...


Ponte derrubada polo río La Miel

Tamén puiden dar un paseo ata o pobo máis cercano á finca (San Miguel) e ver como o río La Miel está gañando terreo e levándose incluso por diante o camiño, o chan e as pontes que atopa polo medio.


Casiñas de San Miguel
Tamén puiden ver moitos animaliños e dar un bo paseo a cabalo, pero eso xa o contarei mañá...

Vendedor de xuca a domicilio en San Miguel


Así se escribe "casona" en Colombia, que pasa?



Río La Miel


Barcaza para cruzar o río La miel no pobo de San Miguel


Volvendo a casa en lancha



martes, 10 de abril de 2012

Os primos de Juan Valdez

Os primos de Juan Valdéz

Non van coa mula cargada de café como o famosísimo Juan Valdéz, pero o uniforme sí que é o mesmo: "sombrero vueltiao", camisa e o trapo ese sobre o ombreiro. Esta vestimenta é moi típica nos pobos paisas colombianos como Santa Fe de Antioquia, do que xa falei hai uns días aquí.


 
"Paisas" é o nome que reciben os habitantes dunha ampla zona do interior de Colombia que abrangue a zona de Medellín e a zona cafeteira. Os paisas son un dos grandes patrimonios deste país. Se os colombianos son boa xente en xeral, os paisas sono máis aínda. Tratar con esta xente que sempre ten un momento para pararse a conversar un anaco cun descoñecido é unha das mellores experiencias que me levo da miña visita a Antioquia. Guillermo, William, unha parella de vellos que atopei no metrocable, algún taxista, a xente coa que me entrevistei por traballo, etc. foron indispensables para que a miña viaxe a Medellín fose tan boa como finalmente foi.

lunes, 2 de abril de 2012

O embalse de Guatapé

O Peñón

O embalse de Guatapé foi o seguinte lugar que aproveitei para visitar durante a miña estadía en Medellín. Bonito? Non, precioso. 

O Peñón de preto

Guatapé está a un par de horas de Medellín. Sería un paseiño se non tivese que viaxar nas terribles busetas colombianas. O caso é que aínda coas incomodidades da bustea a viaxe paga a pena, porque esta é unha desas paisaxes que se quedan gravadas na retina para sempre.

Escaleiras de acceso ó mirador

Guatapé non é unha formación natural, senón que é o resultado da construcción dunha presa. O caso é que o terreo inundado estaba cheo de pequenos outeiros que acabaron por convertirse nun arquipélago de pequenas illas no medio do embalse.

Vistas dende as escaleiras

Para desfrutar das vistas adecuadamente hai que subir ó "Peñón", un monolito de 300 e pico metros de alto ó que se sube por unhas escaleiras de cemento e ladrillo feas como elas soas. Para que vos fagades unha idea, estas escaleiras son como as dun edificio en obras. Polo menos eran seguras, porque as escaleiras anteriores eran de madeira, e abofé que non me atrevería a subilas nin tolo... 

Máis vistas


Para coroar o "peñón" haiche un fato de despropósitos. O curuto do monolito invita a desfrutar da natureza, relaxarse, ter un pouco de paz e atoparse cun mesmo. O malo é que todo esto vai adobado con reggaetón e salsa a todo volume que poñen nos tres bares que hai no cumio. Os colombianos sonche así...

Quen tería semellante idea?

E por se eso non abondase, deulles por construir unha torre de ladrillo máis fea aínda que as escaleiras. Repito, os colombianos sonche así... 

Panorámica dende o curuto do Peñón

Pero aínda con todo este ruido e feísmo constructivo, as vistas que se teñen dende aquí son absolutamente espectaculares e son razón suficiente para xustificar todo o esforzo invertido en subir.

Unhas vistas impresionantes, abofé que sí

Nas ribeiras do embalse hai dous pobos, Guatapé e El Peñol, dende onde se poden organizar actividades como kaiak, ski acuático, paseos en barca, etc. Gustaríame poder ter quedado un par de días nesta zona e poder facer algunha desas actividades, pero como o meu cuartel estaba en Medellín non me quedou máis remedio que coller a mochila e montarme de novo nunha incómoda buseta que me levase de novo á civilización. O bo sempre se acaba...

Apréciase pouco, pero aí hai un paxariño voando

Se algunha vez vos deixades caer por Medellín non perdades a oportunidade de achegarvos ata Guatapé porque non vos defraudará, estou seguro. O prezo para desfrutar deste paraíso? 2 horas de ida, 2 horas de volta, 13.000 pesiños por traxecto en autobús e 10.000 pesiños por subir ó mirador. Unha ganga.

Embalse de Guatapé en todo o seu esplendor

jueves, 29 de marzo de 2012

Santa Fe de Antioquia

Rúa de Santa Fe de Antioquia

Santa Fe de Antioquia é un pobo colonial que forma parte da "Red de Pueblos Patrimonio de Colombia". Fundouse en 1541. Está a uns 80 quilómetros de Medellín, o que o convirte nunha das visitas obrigadas cando se visita a capital antioqueña, xa que se pode facer unha excursión dun día partindo dende a cidade e invertindo algo menos de 2 horas en autobús e uns 10.000 pesos por viaxe (aproximadamente 4,50 euros).

Espléndido balcón de madeira

Santa Fe semella que quedou estancada no tempo, polo que pasear polas súas rúas empedradas evoca a época da dominación española de Nueva Granada, nome de Colombia antes de independizarse. Aquí un pode atoparse casiñas construídas con adobe e palla, caseríos con espléndidos balcóns de madeira, fiestras enreixadas (tamén en madeira), antigas igrexas de inconfundible estilo colonial, etc.; todo un pobo con encanto que paga a pena visitar para deixarse perder polas súas rúas durante unhas horas e despóis deterse a comer unha "bandeja paisa" en calquera restaurante típico antes de seguir camiñando ata percorrer cada recuncho de Santa Fe.

Mercadiño de Santa Fe
 En Colombia hai un mercadiño cada día en cada esquina, e este pobo non podía ser menos, así que apenas 10 minutos despois de chegar a Santa Fe xa o tiña localizado...

Coches afeando a paisaxe

Fachada dunha casa colonial coas típicas fiestras enreixadas

Agardando o paso do tempo

Estropeando unha foto

Paseando tranquilamente polas rúas de Santa Fe

Unha das múltiples igrexas do pobo

Paseando polo adro

Paxaros autóctonos de cores moi vivas, aínda que non se aprecie ben

Igrexa de marcado estilo colonial

Para completar a estampa, o habitual en colombia: unha paisaxe espectacular, intensamente verde e húmida. Un auténtico pracer para a vista. Esta paisaxe é continua dende Medellín ata Santa Fe, o que fai que a viaxe sexa un atractivo máis da visita a este fermoso pobo.

Paisaxe andina

Santa Fe de Antioquia é sen dúbida unha desas visitas que non se poden deixar de facer se se ten a oportunidade. Paga a pena.
Se fose Cuba este coche estaría na rúa en lugar de estar no garaxe


Casiña inacabada construida con canas e adobe